Igualdade da Deputación da Coruña estrea en liña o documental "O rural é de todas"

María Muíño. BNG
María Muíño. BNG
A deputada de Igualdade, María Muíño, representantes de cinco concellos e as protagonistas participarán na presentación este mércores día 23 ás 12.00 h
Igualdade da Deputación da Coruña estrea en liña o documental "O rural é de todas"

A área de Igualdade da Deputación da Coruña estrea este mércores na rede o documentario "O rural é de todas " en que participan mulleres dos concellos de Aranga, Teo, Ortigueira, Muxía e A Pobra. O acto terá lugar o mércores 23 de decembro ás 12.00 h. e será emitido en liña pola canle da Deputación da Coruña.

O mércores 23 de decembro ás 12.00 horas estrearase o documental "O rural é de todas" a través da canle de youtube da Deputación da Coruña nun acto no que intervirá a deputada de Igualdade, María Muíño, representantes dos cinco concellos participantes ademais das protagonistas do documentario, as mulleres e as crianzas que relatan as súas experiencias neste proxecto.

Será a primeira presentación pública dun documental que se poderá ver na rede na páxina de youtube da Deputación da Coruña ademais de nas dos cinco concellos implicados. Algúns deles anunciaron xa que organizarán actos presenciais cumprindo os protocolos sanitarios coas persoas participantes. Mulleres de cinco concellos

O proxecto audiovisual "O rural de todas" está promovido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e ten como obxectivo contribuír a unha maior visibilidade do traballo das mulleres do rural. A través do documental relátanse historias e experiencias diversas que axuden a unha maior sensibilización sobre a importancia dos traballos que as mulleres desenvolven na sociedade.

"Se as mulleres foron silenciadas na historia, en determinados ámbitos aínda foron dobremente invisibilizadas. No rural acontece e, desta maneira, descoñécese o traballo que desenvolven e o papel que cumpren en distintos ámbitos, no traballo produtivo mais tamén na transmisión da cultura ou nos afectos... este proxecto ten como obxectivo visibilizalas e darlle o protagonismo que merecen", explica María Muíño.

Durante o verán de 2020 arredor de 50 nenas e nenos e 10 mulleres referentes de 5 concellos da provincia participaron na creación do documental co apoio dun equipo de profesionais do audiovisual. "O rural de todas" é unha mestura de diferentes perfís e experiencias, onde se xuntan un feixe de mulleres diversas e de distintas xeracións que falan dende o seu sentir, reivindicando e resignificando o papel das mulleres no rural, amosando as realidades dun rural que é o rural de todas.
 

Igualdade da Deputación da Coruña estrea en liña o documental "O rural é de todas"