Igualdade da Deputación da Coruña deseña coas entidades unha campaña pola diversidade sexual
Crear sinerxias, partillar accións e desenvolver iniciativas conxuntas son algunhas das liñas de colaboración que se estudaron na reunión que a deputada de Igualdade, María Muíño, mantivo con representantes de colectivos LGTBQI+ na Deputación da Coruña.
A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, reuniuse con representantes dos distintos colectivos que traballan na visibilización e os dereitos das persoas LGTBQI+ para avanzar no traballo conxunto que están a desenvolver e, de maneira especial, en accións que podan ter difusións nos distintos concellos da Coruña.
No transcurso da reunión, estudáronse varias propostas para renovar e ampliar a colaboración iniciada no ano 2020 no marco da campaña seresentir. Logo da xuntanza que a área de Igualdade tivo con representantes políticas e técnicas dos concellos para a organización de actividades de sensibilización e formación, a deputada de Igualdade e o seu equipo técnico reuniuse coas entidades que traballan no territorio non só para ofrecerse a contribuír á visibilización do seu traballo senón tamén para desenvolver de forma colaborativa a organización do programa de actividades que se deseñarán para o mes de xuño en que se conmemora o día mundial da diversidade sexual.
As entidades agradeceron mais unha vez a iniciativa da Deputación da Coruña de contar con todos os axentes que hai no territorio para deste xeito achegarse a un maior número de persoas con actividades amplas e dirixidas a todos os tramos de idade. Nos vindeiros días comprometéronse a enviar súas proposta para construír un programa de acción o máis diverso posíbel para, xunto coas achegas dos concellos, facer unha campaña de formación, sensibilización e visibilización que chegue ao conxunto do territorio.
A deputada de Igualdade, María Muíño, anunciou que apostará un ano máis polo lema Liberdade de ser e sentir! que busca ser un berro para reivindicar o dereito á liberdade sexual e á tolerancia das persoas. Nos últimos anos esta campaña foi sumando apoios tanto de entidades asociativas como de entidades locais que ano a ano aumentan e que permiten que as acción teñan un maior impacto e axuden a xerar na sociedade valores como a tolerancia e a igualdade das persoas gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, queer e intersexuais, apoiando a diversidade e a liberación sexual e dignificando á comunidade LGTBQI+.
Nas vindeiras semanas a área de igualdade voltará convocar tanto a entidades locais como asociativas avanzar no programa de actividades para o a ano 2021