A exposición da Deputación sobre Carvalho Calero pódese visitar no concello de Carballo

Exposición en Carballo
Exposición en Carballo
A exposición da Deputación sobre Carvalho Calero pódese visitar no concello de Carballo

A mostra arredor da traxectoria de Ricardo Carvalho Calero pode visitarse xa a ceo aberto na Praza do Concello en Carballo, onde estará instalada até o vindeiro 1 de marzo. A mostra, promovida pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, percorre a vida e os principais acontecementos do autor ao que se lle dedicou o pasado Día das Letras Galegas.

Carballo é o terceiro concello que visita a exposición sobre Carvalho Calero despois de poder verse en Ferrol e A Coruña. A través de trece expositores , a mostra, promovida pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, percorre outras tantas etapas da vida de Carvalho Calero, facendo especial fincapé no legado do autor ao que o pasado ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

"Ninguén pon en cuestión que a covid fixo que a conmemoración do Día das Letras Galegas para Ricardo Carvalho Calero, tan demandado e agardado, quedara desdebuxado tanto polo confinamento e polo peche dos centros de ensino no período lectivo arredor do día como pola imposibilidade de organización de actos con asistencia de público", comenta a deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño que defende a súa proposta como "unha actividade segura xa que está ao aire libre e especialmente acaída para difundir a figura de Carvalho Calero porque está a pé de rúa".

Nos trece paneis pódese visitar a traxectoria vital e profesional do autor, desde o seu nacemento en Ferrol até o peche co titulado "Mestre de Compromisos" onde se fai mención ás distintas homenaxes que recibiu antes do seu falecemento e tamén se recolle unha imaxe do alumnado da primeira promoción de Filoloxía galego-portuguesa da que foi profesor.

A mostra chega a Carballo, despois de pasar polo peirao da Coruña, a súa chegada desde Ferrol, cidade natal de Carvalho Calero, onde se inaugurou. "Consideramos que é conveniente e necesario que a mostra e a conmemoración de Carvalho Calero continúe máis alá do remate do ano por iso queremos que esta mostra siga difundindo o legado dunha persoa á que tanto debe a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa historia", explicou María Muíño.
 

A exposición da Deputación sobre Carvalho Calero pódese visitar no concello de Carballo