A área de Igualdade da Deputación da Coruña promove a contratación de persoal técnico de igualdade nos concellos

María Muiño BNG
María Muiño BNG
Destina de saída 250.000 € para contratacións en municipios de menos de 20.000 habitantes nos que, até o momento, só existen dúas axentes ou técnicas de igualdade Multiplica por cinco a partida ao incorporar a posibilidade de novas contratacións e non só mantemento das existentes
A área de Igualdade da Deputación da Coruña promove a contratación de persoal técnico de igualdade nos concellos

A Deputación da Coruña publica unha liña de subvencións a concellos de menos de 20.000 habitantes para a contratación de persoal técnico de igualdade á que destina, de saída, unha cantidade de 250.000 euros. A deputada de Igualdade, María Muíño, destaca o interese da convocatoria para contribuír á eliminación da discriminación e a violencia machista desde os concellos.

Neste momento só dous concellos con menos de 20.000 habitantes contan con persoal técnico ou axentes de igualdade e cambiar este panorama é o obxectivo da liña que a área de Igualdade da Deputación ven de publicar, con cinco veces máis de orzamento e promovendo por vez primeira, as novas contratacións e non só o mantemento dos servizos.

"Para nós é fundamental promover a profesionalización das áreas de Igualdade dos Concellos e por iso apostamos por reforzar esta liña e animar á contratación de persoal técnico que desenvolva políticas de igualdade", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño, para quen "as administracións locais, as máis cercanas ás persoas, teñen un papel fundamental á hora de contribuír á eliminación da violencia machista e promover a igualdade".

Até o día 1 de marzo ás 14:00 horas terán así os concellos de menos de 20.000 habitantes para participar na nova convocatoria da área de Igualdade da Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico municipal ou axentes de igualdade cun importe de subvención de 22.000 € por contratación.

O obxectivo da convocatoria é contribuír ao financiamento da contratación de persoal técnico para a dinamización e o desenvolvemento de políticas de igualdade para o que se consignan un total de 250.000 € máis as modificacións que posteriormente se puideran producir. A iniciativa responde ao recollido no I Plan de acción das políticas de igualdade de xénero na provincia da Coruña no que se contemplaba a necesidade de reforzar os servizos coa contratación de persoal especializado.

A principal novidade desta convocatoria é , polo tanto, que por primeira vez a través desta liña de subvencións poderanse facer novas contratacións e non só manter os servizos xa existentes, como acontecía até agora e, con este fin, quintuplicouse o orzamento da convocatoria.

"Defendemos e promovemos o perfil profesional especializado con funcións de desenvolvemento de políticas de igualdade que son fundamentais nas administracións locais e teñen un papel importantísimo que desenvolver na situación actual en que as mulleres continúan a padecer discriminación e violencia machista", sinalou María Muíño. A profesionalización é un dos requisitos da contratación para o que se solicita un total de 500 horas de formación en materia de igualdade.

A área de Igualdade da Deputación da Coruña promove a contratación de persoal técnico de igualdade nos concellos