A Deputación da Coruña investirá case un millón de euros en Sada a través do Plan Único

O vicepresidente, o nacionalista Xosé Regueira, visitou distintas instalacións do concellos financiadas pola institución provincial
A Deputación da Coruña investirá case un millón de euros en Sada a través do Plan Único
A Deputación da Coruña vén de adxudicar un total de 913.394 € como asignación inicial do Plan Único ao concello de Sada, dos que máis de 160.000 euros se destinarán a gasto social extraordinario. Os proxectos do goberno municipal para a nova convocatoria do plan foi un dos eixos centrais da reunión que mantiveron o vicepresidente e deputado de Plans da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, co alcalde de Sada, Benito Portela.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, xunto co deputado de Cultura, Xurxo Couto, visitaron o concello de Sada e reuníronse co alcalde, Benito Portela e distintos membros da corporación antes de visitar diferentes obras financiadas con fondos provinciais entre as que se atopan a remodelación da rúa Lugrís Freire, a cuberta da pista polideportiva de Mondego e o parque infantil das Brañas. Na visita percorreron tamén a zona afectada polos asulagamentos no curso do río Maior que  será obxecto dunha futuro actuación para a que a Deputación achegará 378.000 euros.

Aumento de orzamentos

Na xuntanza, avaliouse o considerábel incremento do POS de cara ao vindeiro ano que pasará de 760.000 € a 913.394,42 € xa na asignación inicial, dos que, coas modificacións da nova edición para paliar os efectos da pandemia, o goberno municipal poderá destinar máis de 160.000 euros a gastos sociais extraordinario. En total e até o pasado exercicio, desde o 2017 en que a Deputación da Coruña aprobou o primeiro Plan único de Concellos, o concello de  Sada recibiu un total de 3.837.688 €

Despois da xuntanza, Xosé Regueira e Benito Portela xunto co resto de representantes da Deputación e do Concello visitaron a rúa Lugrís Freire e o parque infantil das Brañas, recén remodelados con financiamento provincial.

A rúa Lugrís Freire ancheouse con renovación do pavimento para facilitar o tránsito peonil ao ser unha das de máis afluencia do concello. A vía mellorouse coa instalación de colectores e a realización de acometidas de auga e saneamento ademais da separación de augas residuais e pluviais xunto con canalizacións soterradas de subministro eléctrico e telecomunicacións cun orzamento de 67.337 €.

A súa beira, o parque infantil das Brañas experimentou unha ampliación da superficie destinada a instalacións de xogos infantís en máis de 500 m, duplicando case a existente. Instalouse pavimento de seguridade cunha zona específica de xogo de balón e diverso equipamento para o entretemento infantil.

Finalmente, do conxunto de obras xa realizadas con fondos provinciais, Xosé Regueira e Xurxo Couto, acompañados de boa parte do goberno municipal, visitaron a pista polideportiva da parroquia de Mondego que foi recentemente cuberta para un maior aproveitamento en épocas de chuvia.

 

Canalización do río Maio

Vicepresidente e alcalde, xunto co resto dos participantes na visita, percorreron tamén a zona de perigo de asolagamento polo río Maio, que está pendente dunha futura actuación que consistirán nunha ampliación de forma considerable e pouco traumática do desaugamento da estrutura canalización.

O orzamento destinado para esta actuación por parte da Deputación da Coruña será de 378.000, cantidade consignada no expediente de modificativo de crédito deste mes de outubro, mentres que o concello achegará 697.000 de fondos propios.

"Trátase, sen dúbida, dun proxecto de especial interese para a veciñanza de Sada xa que suporá a minimización da ameaza de novos asulagamentos no centro urbano como as que aconteceron en 2016", sinalou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

 

A Deputación da Coruña investirá case un millón de euros en Sada a través do Plan Único