A Deputación da Coruña e os concellos de Mazaricos, Santa Comba e Zas acondicionarán a senda fluvial do Xallas
O vicepresidente, Xosé Regueira, reuniuse cos alcaldes dos tres municipios para estudar o financiamento do orzamento de 400.000 euros do proxecto
Serán 65,5 km por camiños peonís, que poderían ser percorridos tamén en bicicleta, e pontes nos que se atravesan recursos de especial interese paisaxístico, patrimonial e etnográfico
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou o concello de Mazaricos para estudar, xunto cos alcaldes de Mazaricos, Santa Comba e Zas, o proxecto de senda polo Xallas que percorrería un total de 65,5 km. A actuación conta cun orzamento de 400.000 euros para acondicionar unha senda que permite descubrir un rico patrimonio natural e histórico dun territorio que atravesa os tres concellos.
Na casa do Concello de Mazaricos, o vicepresidente da Deputación da Coruña xunto co alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, o alcalde de Zas, Manuel Muíño e o de Santa Comba, David Barbeira estudaron o proxecto de acondicionamento da senda fluvial a través da beira do río Xallas que percorre territorio dos tres concellos e que poderá ser percorrida na súa totalidade a pé ou en bicicleta.
Despois de coñecer o proxecto presentado polos tres alcaldes, Xosé Regueira comprometeu o apoio ao seu financiamento e destacou o "interese turístico, patrimonial e tamén económico, en especial, no momento actual en que o senderismo e, en xeral, o deporte e o turismo ao ar libre foron tomando forza polos efectos da pandemia nunha dirección na que, sen dúbida, se continuará unha vez que rematen as restricións".
Os tres alcaldes, Juan Blanco, Manuel Muíño e David Barbeira afondaron na riqueza da senda que supón un importante recurso turístico e de lecer para a veciñanza dos tres concellos e para visitantes que se achegarán para gozar dunha senda de longo percorrido que sorprenderá pola súa beleza e posibilidades. Na reunión acordouse tamén comezar coa tramitación dos permisos de Augas de Galicia e Patrimonio e trasladar o proxecto a Turismo e Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
A senda, segundo se recolle no proxecto, percorre un total de 65,5 km dos que 25,3 pertencen ao concello de Santa Comba, 4,7 ao de Zas e 35,5 ao de Mazaricos.e, no seu traxecto inclúense recursos de grande riqueza paisaxística natural, etnográfica e artística.
O proxecto ten un orzamento de 400.000 euros para unha actuación que contempla o acondicionamento de todo o trazado coa roza de malezas e sinalización, ademais da construcións de dez pontes peonís colgantes de aceiro galvanizado e madeira. Ademais, o proxecto inclúa a instalación de quince paneis informativos, varandas metálicas, carteis de dirección e espazos de lecer con mesas e asentos.
Na senda, puntos de especial interese natural e paisaxístico son a Fervenza de Castriz, a praia fluvial de San Salvador, a presa da Xesteira, encoro da Fervenza , a praia fluvial de Esmorode, Devesa do Anllares, encoro de Santa Uxía, fervenza da Noveira ou mesmo o mirador que sorprendeu pola beleza das súas vistas a Frei Martín Sarmiento e que agora leva seu nome. Entre os puntos de atractivo monumental e patrimonial atópanse, entre outros, a capela de Rubín, a Ermida de San Blas ou a Ponte e o castro de Brandomil.
Un percorrido con recursos naturais, históricos e artísticos
A senda do Xallas arranca no Concello de Santa Comba, concretamente na Fervenza de Castriz á beira dos muíños do río Mira. Atravesa logo Castriz diante do seu cruceiro, preto da praia fluvial de San Salvador. No lugar de Abaixo de San Salvador sinalízase un sedeiro alternativo que discorre por camiños de pescadores no que se mostra a beleza paisaxística do Xallas.
A seguir a beira do río, atópase a antiga presa da Xesteira onde aínda se poden ver as casetas nas que se facían funcionar as turbinas que daban electricidade a moitas aldeas de Santa Comba, cunha primeira mostra da explotación da forza do río para obter enerxía.
O Santuario de Nosa Señora da Saúde, coñecida como a capela de Rubín, mostra de estilo gótico do século XVI, xunto coa fonte constitúen dous interesantes exemplos do patrimonio artístico da ruta.
O camiño levará á praia fluvial de Esmorode coa posibilidade de tomar outro camiño alternativo de uso dos pescadores. A Ermida de San Blas, do século XVIII e a Ponte de Brandomil do século XVII -pola que atravesaba o camiño de Santiago a Fisterra-, xa en Zas, onde atoparemos o castro de Brandomil.
O lugar de Quintáns abre as portas do encoro da Fervenza, un dos máis grandes de Galicia con posibilidade de facer rutas en kayak, que nos permite, ao atravesar a ponte, entrar xa no Concello de Mazaricos. A Devesa do Anllares, un dos últimos bosques atlánticos onde conviven carballos, acivros, bidueiros, freixos, fentos e musgos son proba da riqueza do patrimonio natural que atravesa o Xallas, antes de chegar ao encoro de Santa Uxía, o último antes da desembocadura do río. A vista que marabillou a Frei Martín Sarmiento desde o mirador que agora leva o seu nome é outra das experiencias inesquecíbeis do camiño.
A fervenza da Noveira, sobre o río Arcos que desemboca no río Xallas, antes de chegar a aldea de O Fierio, punto final dunha senda que permite coñecer un patrimonio de grande riqueza paisaxística e patrimonial, a pouco xa do mirador do Ézaro e a fervenza do Xallas, remate do recorrido do río, xa no concello de Dumbría.