A Deputación da Coruña colaborará na renovación dos contidos expositivos do castelo de Moeche

Moeche
Moeche

O vicepresidente, o nacionalista Xosé Regueira, visitou o concello, xunto coa deputada María Muíño, e destacou a "boa xestión" do Goberno local na realización das actuacións do POS+

Moeche recibirá este ano máis de 430.000 euros de investimento do Plan Único

A Deputación da Coruña colaborará na renovación dos contidos expositivos do castelo de Moeche

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou o concello de Moeche e reuniuse coa súa alcaldesa, Beatriz Bascoy á que parabenizou pola boa xestión nas obras financiadas polo Plan Único do pasado ano -rede viaria e aforro enerxético fundamentalmente- que están xa case rematadas. Na xuntanza, na que tamén participou a deputada María Muíño, analizáronse as obras da nova convocatoria do POS+ na que Moeche recibirá máis de 430.000 euros e estudáronse as novas actuacións no castelo que contarán coa colaboración da Deputación da Coruña.

O Vicepresidente da Deputación e responsable das áreas de Turismo, Plans Provinciais e Patrimonio, Xosé Regueira, e máis a deputada de Igualdade e Normalización Lingüística, María Muíño, visitaron o concello de Moeche esta mañá para interesarse pola marcha dos proxectos financiados no municipio con fondos provinciais durante 2020, practicamente todos xa rematados, ademais de coñecer de primeira man os incluídos no POS e no Plan Complementario para este ano, que superan en conxunto os 430.000 euros. Ademais, durante a visita os representantes da Deputación tamén se achegaron ao castelo, onde a área de Turismo se comprometeu a investir arredor de 50.000 euros na actualización dos contidos expositivos da fortaleza, adaptándoos ademais ás novas tecnoloxías mediante realidade aumentada.

Xosé Regueira comprometeu o apoio para unha actuación na que se reaproveitarán os contidos actuais e se integrarán cos que se produzan de novo, ademais de instalar os soportes máis axeitados para ofrecer unha visión xeral sobre a relevancia histórica e arquitectónica do conxunto e de cada unha das súas dependencias. Neste sentido a área provincial de Turismo aposta polos soportes físicos, pero tamén por crear novas experiencias "por medio da realidade aumentada", de cara a asegurar que a actualización que se leve a cabo "perdure e sexa moderna", adiantou Xosé Regueira

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, explicou que os módulos expositivos do Centro de Interpretación "están obsoletos e non son nada prácticos", ademais de precisar unha actualización para ampliar a difusión do papel que desempeñou a fortaleza como escenario das Revolucións Irmandiñas". Por outra banda, segundo engadiu a alcaldesa, as instalacións tamén requirirían novos paneis que lle axuden ao visitante a "comprender o significado e os usos que tiña cada espazo".

Colaboración na atención a visitantes

Alén desta acción puntual, a Deputación da Coruña mantén a súa colaboración anual co Concello de Moeche para atender as visitas á fortaleza, que se triplicaron nos últimos anos. A través de achegas provinciais que ascenden a uns 22.000 euros fináncianse os contratos do persoal da Oficina de Información Turística e da atención a visitantes no Centro de Interpretación do castelo.

A alcaldesa Beatriz Bascoy sinalou a este respecto que "se non fose por colaboracións coma estas da Deputación", a concellos con recursos económicos "moi escasos" como é o de Moeche "seríalles imposible manter a atención turística tanto á veciñanza como á comarca". Xosé Regueira engadiu sobre esta cuestión que "cómpre darlle unha volta" ao financiamento local para que os municipios "con orzamentos pequenos e medianos" se vexan beneficiados dunha "discriminación positiva" que lles dea capacidade suficiente para manter os seus bens como parte dunha estratexia que axude ao desenvolvemento económico e á fixación de poboación: "o patrimonio do rural ten que ser unha potencialidade, non un problema para os concellos", dixo o Vicepresidente da Deputación.

Máis de 430.000 euros de investimento do Plan Único

Durante a visita realizada hoxe a Moeche, Xosé Regueira e María Muíño tamén percorreron algunhas das actuacións acollidas aos programas de financiamento provincial. Regueira destacou a "boa xestión" do Goberno local aludindo ao feito de que o Concello ten practicamente listas todas as obras que se acolleron ás liñas do POS+ do ano pasado, referidas na súa maioría á rede viaria e a actuacións de aforro enerxético.

O Vicepresidente tamén lembrou que para este 2021 o consistorio disporá de 216.000 euros para novos proxectos e gasto corrente, así como doutros 218.000 correspondentes ao Plan Complementario, que se executarán na medida en que o ente provincial libere remanentes económicos para levalos a cabo.

Cabe mencionar, por outra banda, que a Deputación tamén colaborou con 88.794 euros nas obras do Centro de Apoio ao Medio Rural e que proximamente se subscribirá un convenio a tres bandas con San Sadurniño para aglomerar o eixo A Camba-A Ponte do Sur, cuantificado en 275.000 euros.

O castelo abre este xoves

O castelo de Moeche reabrirá este xoves as súas portas con horario até o domingo de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. Durante abril só estará aberto nas fins de semana e iniciará os horarios habituais de primavera-verán no mes de maio.

Como aliciente engadido cabe recordar que no Centro de Interpretación estará instalada ata setembro unha colección de maquetas feitas con bloques de Exín Castillos na que se poderán ver a escala espectaculares reproducións da fachada do Obradoiro da catedral de Santiago, da torre dos Andrade en Pontedeume ou do castelo de Pambre, entre outras. A elas sumarase dentro duns días unha de pequeno tamaño do propio fortín medieval de Moeche que será substituída en agosto por outra de maior envergadura e detalle.

A Deputación da Coruña colaborará na renovación dos contidos expositivos do castelo de Moeche