A Deputación da Coruña aproba un Plan Único máis social e con máis orzamento
O vicepresidente e responsábel da área de Plans da Deputación, o deputado do BNG Xosé Regueira, destacou no pleno que o novo Plan Único é "unha moi boa noticia para os concellos que unha administración pública supra-municipal lle poda adiantar que transferencias mínimas se lles vai facer durante o 2021, algo fundamental para que podan planificar, organizar e aprobar os seus orzamentos".
Ademais o deputado nacionalista, Xosé Regueira, valorou que, nun ano especial como o 2021 en que se precisará un grande esforzo das administracións para contribuír á saída da crise provocada pola pandemia, a Deputación da Coruña responde ás urxencias cun "plan que medra 22 millóns de euros e ademais, ten en conta a situación económica e social extraordinaria que van ter os concellos polo que leva incluído un total de 14 millóns de euros en gastos sociais, no coñecido como POS Social". Por outra parte, neste novo Plan Único adaptado ás circunstancias que vivimos, "redúcese á mínima expresión o préstamo comercial, para evitar que os concellos se endebeden e increméntase, pola contra, a partida de investimentos e gasto corrente".
"Estamos, polo tanto, diante dun POS máis cuantioso para un momento difícil, o que é unha boa noticia non só para os concellos que van poder planificar os seus orzamentos municipais senón tamén para os sectores económicos da provincia que van ver como a Deputación da Coruña sigue facilitando capacidade de investimento na zona e tamén liquidez para pagar aos proveedores que traballan coas administracións locais", explicou Xosé Regueira no pleno.