A Deputación apoia con 70.000 euros ao Concello de Malpica para xestionar o Ecomuseo do Forno do Forte de Buño en 2021
A Deputación da Coruña financiará con 70.000 euros a xestión do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño, unha tarefa que seguirá asumindo o Concello de Malpica coma en anos anteriores.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Malpica, Walter Pardo, asinaron hoxe o convenio de colaboración para o 2021 nun acto no que estiveron tamén o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luis Penas.
Ambas as dúas administracións levan colaborando desde o 2006 na xestión do Ecomuseo co obxectivo de promover actividades divulgativas sobre a grande tradición oleira local e as novas formas de produción.
Ao igual ca nos acordos de anos precedentes, o Concello de Malpica comprometeuse a encargarse da organización das visitas e das actividades, así como á conservación e mantemento das instalacións do Forno do Forte. Do mesmo xeito, deberán fomentar o estudo e a investigación sobre a olería local en colaboración coas agrupacións e asociacións culturais vinculadas á zona.
"O Ecomuseo e a tradición oleira de Buño son un dos activos culturais máis importantes de Malpica", destacou González Formoso, que incidiu na transcendencia da "conservación activa" do patrimonio de toda a provincia a través da rede museística.
Pola súa banda, Walter Pardo agradeceulle á Deputación a súa colaboración "no desenvolvemento e promoción de actividades para dinamizar a rede cultural de Malpica".
En canto ao horario de atención ao público, o Ecomuseo deberá permanecer aberto como mínimo todos os días da semana agás os luns, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas