A área de Igualdade da Deputación da Coruña colabora coa asociación Les na visibilización das mulleres LBT

María Muíño
María Muíño
A deputada do BNG María Muíño participou na inauguración da exposición "A Rede Visible"
A área de Igualdade da Deputación da Coruña colabora coa asociación Les na visibilización das mulleres LBT

A área de Igualdade Deputación da Coruña colabora coa asociación Les na visibilización das mulleres LBT a través da exposición "A Rede Visible" na que a fotógrafa Susana Milnes retrata "exemplos de visibiliación de mulleres galegas LBT extraordinarias". A mostra está instalada na Praza de Pontevedra na Coruña.

Os retratos de mulleres de distintas actividades protagonizan a mostra "A Rede Visible" promovida pola asociación Les da Coruña co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña que quere contribuír á visibilización de mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais.

A Asociación Les propón, por medio desta exposición instalada ao ar libre, "un tecido de referencias, apoio, inspiración e normalización na vida galega de mulleres que amplían os xéneros e as sexualidades impostas. Elas son mostra da diversidade e da valentía que implica enriquecer hoxe a figura da muller na cidade e no agro galego". As viticultoras María Falcón e Cristina Yagüe, a poeta Andrea Nunes, a artista Artemisa Semedo, a artesá Elena Ferro, a activista Rocío Fraga ou a labrega Marta Álvarez son algunhas das mulleres que a cámara de Susana Milnes retrata para a exposición.

"Velaiquí mulleres que viven conscientes da súa liberdade creativa, profesional, sexual e afectiva que se amosan tal e como son en todos os ámbitos alén dos prexuízos ou das expectativas alleas", destacan desde Les, deste conxunto de mulleres que  "son un orgullo" e "fan camiño para as que virán".

A deputada de Igualdade, María Muíño, destacou a relevancia desta exposición e a necesidade de promover iniciativas encamiñadas as que as mulleres lbt "sexan visíbeis para eliminar as discriminacións e traballar pola igualdade real". Recoñeceu, nese sentido, o importante traballo de Les e tamén das mulleres que son protagonistas da mostra porque "a súa participación é unha lección para todas nós e pasos adiante para as novas xeracións ás que, sen dúbida algunha, están a facilitar o seu futuro".

A fotógrafa Susana Milne, autora das imaxes da exposición, Aler estudou Políticas e Produción de cine en Nova York e viviu en EEUU, Francia, Irlanda e Centroamérica, traballando polo respecto á multiculturalidade e polos dereitos básicos das minorías ou maiorías minorizadas. na actualidade é delegada de Igualdade da Asociación Les Coruña.
 

A área de Igualdade da Deputación da Coruña colabora coa asociación Les na visibilización das mulleres LBT