Xosé Regueira: «O surf é un valor económico que nos permite posicionar unha marca turística e contribúe a acadar retos coma o da desestacionalización»
Comezou hoxe o Cabreiroá Junior Prol Razo 2024, a terceira e última das tres probas que a World Surf League (WSL) celebra este ano en España; as tres, en areais da provincia da Coruña —ademais da carballesa, o Gadis Longboard Festival Ferrol e o Abanca Pantín Classic Surf Pro—, e as tres, apoiadas pola Deputación.
Antes de que as táboas entrasen á auga a competir, presentouse o torneo, nun acto no que participou o vicepresidente e titular de Turismo provincial, Xosé Regueira, a quen acompañaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; Yago Barreto, do Club Praia de Pantín, organizador da proba; Mateo Saco, vicepresidente da Federación Galega de Surf; Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta, e Manuel Eiroia e Melisia Plagiaro, representantes de dúas da firmas patrocinadoras.
Regueira comezou a súa intervención defendendo o valor económico do surf: "Nunha provincia coma a da Coruña, con 956 quilómetros de Costa, o surf, ademais de deporte, é economía; unha economía que nos permite posicionar unha marca turística e nos ofrece moitas máis posibilidades para acadar retos coma o da desestacionalización".
O vicepresidente falou da importancia da colaboración entre institucións públicas e sector privado: "Sempre suceden boas cousas no territorio cada vez que, por un evento coma o que hoxe comeza, nos xuntamos as administracións públicas e o patrocinio privado". "Temos capacidade", engadiu, "de mellorar o convenio que subscribimos Turismo da Deputación, Turismo de Galicia e Xunta de Galicia, poñendo o surf en primeiro plano e en valor. Non hai que esquecer que os tres concellos da provincia da Coruña onde se celebran este ano probas do calendario mundial, Valdoviño, Ferrol e Carballo, participan no proxecto Red de Pueblos del Surf, de Experiencias Turismo España; ou sexa, tres concellos coruñeses cos que a Deputación traballa para que Galicia, pero tamén o norte no Estado, se convertan en referencia mundial para a práctica deste deporte".
Para Regueira, citas coma o Cabreiroá Junior Pro Razo dan resultados económicos: "Estiven estes días falando con empresas que teñen o seu labor aquí e están contentos; polo tanto, iso tamén nos dá ánimos para seguir traballando con todos para os vindeiros anos".
Rematou o vicepresidente desexando que Carballo, "onde se fundou o primeiro camp surf da historia de España", incremente o número de licencias de deportistas do concello: "Eu agardo que nalgún momento estean competindo polo podio surfistas formados en Razo".