Xosé Regueira: «O turismo da provincia é competitivo en todo o mundo pola calidade da nosa gastronomía»

Regueira, na súa intervención en Xantar, hoxe en Ourense
Regueira, na súa intervención en Xantar, hoxe en Ourense
«Temos a sorte de que a nosa provincia sexa un destino de refuxio porque mantén as catro estacións, o que posibilita que contemos cunha cociña de temporada que nos fai atractivos para o visitante en calquera mes do ano», salientou hoxe o vicepresidente no acto central do 25º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se está a celebrar en Ourense.
Xosé Regueira: «O turismo da provincia é competitivo en todo o mundo pola calidade da nosa gastronomía»

Xosé Regueira participou esta mañá no acto central do 25º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se está a celebrar en Ourense. Na súa intervención, o vicepresidente afirmou que «o turismo da provincia é competitivo en todo o mundo pola calidade da nosa gastronomía». «Temos a sorte de que o noso territorio sexa un destino de refuxio porque mantén as catro estacións, o que posibilita que contemos cunha cociña de temporada que nos fai atractivos para o visitante en calquera mes do ano».

Regueira puxo de exemplo a campaña 'A provincia que sabe', unha das apostas de promoción deseñadas polo departamento de Turismo da Deputación, do que é titular, para reafirmar a calidade da gastronomía do territorio coruñés: «Unha iniciativa na que estamos moi ben acompañados polos concellos, pero sobre todo polas empresas, que están facendo un moi bo labor, producindo alimentos de máximo nivel e recoñecidos mundialmente». «E, por suposto», engadiu, «tamén por cociñeiros e cociñeira que tratan con absoluta excelencia eses produtos que saen da nosa horta e do noso mar».

Nos catro días de Xantar, «os visitantes poden atopar na caseta de Turismo da Deputación información de 17 das 123 festas gastronómicas que temos no territorio, máis de 20 degustacións e a boa acollida e o cariño que as nosas xentes, produtores e representantes dos concellos dan ás persoas que nos visitan», dixo o vicepresidente.

Ao remate do acto, Regueira entregoulle a Ourense Enogastronómica o premio ao Mellor Stand Restaurante.

Xosé Regueira: «O turismo da provincia é competitivo en todo o mundo pola calidade da nosa gastronomía»