Xosé Regueira: “A volta de foros como Fevino é unha boa nova para o sector da enoloxía e tamén para o turismo”

O vicepresidente e titular de Turismo da Deputación, Xosé Regueira
O vicepresidente e titular de Turismo da Deputación, Xosé Regueira

O vicepresidente da Deputación participou esta mañá en Ferrol na inauguración do Salón Profesional do Viño, onde puxo en valor a calidade dos caldos galegos e salientou a importancia que están a cobrar os brancos lexítimos da indicación xeográfica protexida de Betanzos.

Xosé Regueira: “A volta de foros como Fevino é unha boa nova para o sector da enoloxía e tamén para o turismo”

A sede de Afundación en Ferrol acolleu esta mañá a inauguración oficial do Salón Profesional do Viño, Fevino, nun acto no que participou o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, a quen acompañaron o vicepresidente da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e o director da feira, Fernando Yáñez.

Na súa intervención, Regueira deulle os parabéns aos organizadores do salón, “que despois destes anos de pandemia volve tomar o camiño da celebración logo do exitoso 2019”. ”Ademais”, engadiu, “faino cunha maridaxe, nunca mellor dito, entre viño e Camiño de Santiago, buscando o escenario do Camiño Inglés como recurso onde celebrar esta edición”.

“Cremos que unha excelente noticia”, afirmou o vicepresidente provincial, “que o sector do viño se volva reunir neste salón internacional e tamén foro para viticultores, bodegueiros, hostaleiros e amantes do viño en xeral. Máis nun bienio no que a enogastronomía vai ser fundamental e a participar dos fondos Next Generation”. “Non hai que esquecer”, salientou, “que outra das paradas do Salón é Betanzos, onde está a cobrar gran protagonismo a variedade branca lexítima como viño autóctono”. “É, rematou, “unha boa nova para o sector e tamén para o turismo, porque tamén vén demostrar que un produto de calidade pódelle dar un valor e un carácter diferentes ao Camiño de Compostela, un Camiño que ten que servir, porque se non non estariamos a facer ben as cousas, para promover o produto, á cultura, á tradición e á historia da sociedade que o rodea”.

Nesta nova edición, a máis ambiciosa —apadriñada polo actor Javier Gutiérrez e no que a Deputación da Coruña conta cunha caseta na que promove produtos de Ortegal e da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo—, o salón reunirá en tres cidades coruñesas a 300 bodegas que darán a coñecer algúns dos mellores caldos do continente; entre eles, os de todas as denominacións de orixe galegas. A xornada de hoxe, completada con catas e na que ademais se presentou o libro de Guillermo Llorca “El vino en Ferrol. Unha historia para degustar”, estivo dedicada aos viños atlánticos, aos augardentes de Galicia e ás pequenas IXP (Indicación Xeográfica Protexida). Tamén se entregaron os premios “Gardiáns do viño”, en recoñecemento persoeiros “cuxa traxectoria profesional contribuíu a engrandecer o mundo da viticultura”.

Mañá o salón trasladarase a Betanzos, onde se poñerán en valor os brancos lexítimos; e o os días 14 e 15 de xuño, á Cidade da Cultura de Santiago, onde se citarán todas as variedades das zonas atravesadas polos Camiños de Santiago e outras denominacións de orixe españolas e europeas. 

Xosé Regueira: “A volta de foros como Fevino é unha boa nova para o sector da enoloxía e tamén para o turismo”