Xosé Regueira valora «moi positivamente» a participación de Turismo da Deputación no Gastronomic Forum Barcelona 2024
Rematou hoxe o Gastronomic Forum Barcelona 2024, onde Xosé Regueira e unha delegación do departamento de Turismo da Deputación da Coruña estiveron os útlimos tres días a promover a gastronomía da provincia coa campaña 'A provincia que sabe'.
Fixo un balance «moi positivo» da estadía o vicepresidente: «Avanzamos un paso máis na nosa estratexia de seguir dándolles servizo aos pequenos produtores e produtoras do territorio, quen doutro xeito non terían espazo para promover o seu produto e estar nos mercados nos que realmente cobra máis valor ese produto gastronómico».
«Viñemos a Barcelona», explicou Regueira, «con veinte e cinco accións gastronómicas, como degustacións e cociña en vivo, e demostramos que estamos aliñados claramente con ese produto sostible, moi arraigado no territorio, capaz de asentar poboación no rural e que, por riba de todo, lle dá á gastronomía toda a importancia que ten e merece».
Lucía Freitas foi unha das cociñeiras que viaxou ao Forum coa delegación de Turismo provincial para presentar o seu proxecto 'Amas da terra', «moi na liña d'A provincia que sabe'», salientou Regueira, quen se mostrou satisfeito pola «excelente resposta a esa propostas e a todas coas que participamos». «Puidemos comprobar que as reaccións de todo o sector da produción de alimentos que estivo durante este tres días con nós foron moi positivas, como desexamos sempre nas feiras deste tipo nas que participamos», resumiu.
«Así que», concluíu, «non podemos menos que estar encantados de ser protagonistas, unha edición máis, deste foro de vangarda, cuxo público encheu o espazo da Deputación e onde os produtores e chefs que viaxaron con nós fixeron negocio e captaron moi boas portunidades comerciais».