Xosé Regueira: «O surf é un elemento tractor para o turismo, pois falar de surf é falar de economía»
"O surf é un elemento tractor do turismo, pois falar de surf é falar de economía; e o convenio entre a Deputación e a organización destes tres campionatos é seguramente un dos máis importantes que firmamos ano tras ano". Afirmouno Xosé Regueira na presentación, hoxe no hotel Quinta da Auga compostelán, das tres únicas probas que a World Surf League celebrará en 2024 en España co apoio da institución provincial: o Gadis Longboard Festival Ferrol (do 13 ao 16 de xuño), o Abanca Pantín Classic Galicia Pro (Valdoviño, do 24 de agosto ao 1 de setembro) e o Cabreiroá Junior Pro Razo (Carballo, do 24 ao 28 de de setembro).
«Falamos continuamente de sostibilidade, de buscar un perfil de visitante diferente, máis responsable e máis comprometido tamén co territorio, e o surf danos moitos deses ingredientes", engadiu o vicepresidente provincial e titular de Turismo.
Para Regueira, «o sector económico relacionado co surf que se está a desenvolver é relevante non só para os municipios de costa, senón para os de todo o territorio, onde buscamos diversificar e crear produtos de tracción internacional. Produtos só posibles de ofrecer co colaboración entre as administracións; neste caso, entre a Deputación da Coruña, a Xunta e os concellos, pero tamén co concurso, imprescindible, do sector privado, pois sen a cooperación co sector privado proxectos coma o que hoxe presentamos non existirían».
«Certo que a 'Triple coroa' mundial de surf vaise celebrar en Galicia, aínda que eu vou circunscribir o acontecemento ao ámbito da Coruña, unha provincia con 956 quilómetros de costa onde pasan cousas a referenciar a nivel internacional, e o surf é unha das máis importantes», dixo o vicepresidente.
Regueira rematou a súa intervención falando de Experiencias España, «outro proxecto no que empezamos a traballar moitos dos que estamos hoxe aquí e que implica as administracións nunha rede de pobos de surf; un plan no que temos postas grandes esperanzas para que sirva tamén para que o turismo deportivo da provincia, un turismo de calidade, se vexa beneficiado dese esforzo cooperativo".