Xosé Regueira reuniuse co alcalde de Paderne para pechar a participación da Deputación na Feira GastroLexítimo

Xosé Regueira reuniuse co alcalde de Paderne, Sergio Platas, para pechar a participación da Deputación da Coruña na Feira GastroLexítimo, que se vai celebrar na aldea da Esperela a comezos deste verán para poñer en valor a actividade bodegueira da comarca, así coma a súa gastronomía e cultura, e onde Turismo da Deputación contará cun espazo de promoción da súa marca 'A provincia que sabe'.
«Para nós», explicou o vicepresidente, «é un orgullo poder participar neste evento, que encaixa á perfección coa nosa campaña turística e gastronómica 'A provincia que sabe', e que celebra a identidade da comarca, da provincia e do país». «Ademais de promover os produtos e a gastronomía locais, esta feira dinamiza a actividade turística, cultural e de ocio, polo que dende a área de Turismo da Deputación queremos apoiala e reforzar a súa programación».
Regueira referiuse tamén á «relevancia» de que de que GastroLexítimo se celebre «nunha aldea singular, involucrando a toda a veciñanza dun concello rural que forma parte dun territorio como a Reserva da Biosfera, fundamental para o turismo da provincia e que está xogando un papel clave no fomento da gastronomía centrada no quilómetro cero e de calidade e nos produtos artesanais».
«Todos estes ingredientes», engadiu, «converten a Gastrolexítimo nun espazo de especial interese para a Deputación, que nos permite non só promover territorio, produto e identidade, senón tamén contribuír á xeración dun impacto socioeconómico moi positivo na súa contorna».