Xosé Regueira recolleu o premio de Gente Viajera Galicia á mellor promoción turística pola campaña do seu departamento 'A provincia que sabe'
A campaña turística e gastronómica da Deputación da Coruña 'A provincia que sabe' recibiu onte en Pontevedra o recoñecemento, o de mellor promoción turística, dos Premios Gente Viajera de Galicia, organizados por Onda Cero. Recolleu o galardón Xosé Regueira, quen salientou «o elevadísimo nivel do sector agroalimentario e turístico da provincia, capaz de xerar riqueza e oportunidades no territorio». «Un sector», engadiu, «que está a ser valorado en todo o mundo grazas ao seu bo facer, como o noso departamento leva constatando en cada feira internacional que visitamos».
O vicepresidente provincial referiuse tamén ao «traballo de cooperación e colaboración entre as administracións e os demais actores de toda a cadea de valor para facer do turismo un sector competitivo, de calidade e sostible; unha labor que reforza a nosa aposta polo territorio e polo país, dende o orgullo e o máximo respecto á contorna».
Tamén levou premio, na categoría de innovación turística e sostibilidade, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, outro dos proxectos que conta co apoio do departamento que dirixe Regueira e que é «sinónimo de compromiso co territorio, profesionalidade e calidade», en palabras do deputado do BNG.