Xosé Regueira: "Queremos que cando o público escoite 'A provincia que sabe' pense automaticamente na Coruña"
"Queremos que cando o público escoite 'A provincia que sabe' pense automaticamente na Coruña, de entre todos os territorios posibles", afirmou esta mañá Xosé Regueira. O vicepresidente e responsable de Turismo foi o encargado de dar a coñecer a campaña coa que o seu departamento promocionará os produtos agroalimentarios e a gastronomía de calidade e con parámetros de sustentabilidade.
A presentación da campaña, que tivo lugar no marco do Galicia Fórum Gastronómico, contou coa presenza de representantes dos xeodestinos da provincia, de alcaldes e concelleiros e concelleiras de gobernos municipais, de persoal técnico de turismo dos concellos, de profesionais da restauración, da distribución e produtores e produtoras.
'A provincia que sabe' parte, segundo indicou Regueira, dun lema xa coñecido no ámbito do promoción gastronómica "para aproveitar unha idea xa instalada no imaxinario colectivo –saber + sabor– e utilizala con intelixencia para que cada vez que se fale de produto galego que sabe, de xeito instantáneo se identifique coa provincia da Coruña e coa excelencia, tanto dos nosos produtos como do bo facer dos cociñeiros e cociñeiras".
"Non imos inventar nada que colisione ou interfira noutras marcas xa consolidadas nos xeodestinos", asegurou. "Todo o contrario: o que se pretende e darlles maior relevancia, e polo tanto, poderán solicitar a súa participación as empresas que estean radicadas na provincia da Coruña, que conten con centros de produción no territorio provincial ou que transformen o produto na provincia e que pertenzan a algún selo de calidade". Así, a campaña servirá de paraugas a produto existente nos xeodestinos da provincia e que estea avalado polos seus entes de xestión; produtos ou establecementos que conten con algún certificado de calidade homologado como as Q de calidade ou semellantes; produtos que estean seleccionados por normas de calidade doutras administracións tipo "Galicia Calidade"; así como produtos que pertenzan aos ámbitos das Indicacións Xeográficas Protexidas ou Denominacións de Orixe. Tamén amparará empresas non incluídas nos anteriores apartados que conten cunha solicitude avalada polo xeodestino xustificando o seu compromiso coa sustentabilidade e co desenvolvemento do territorio.
Para a difusión da marca, a Deputación aportará ás empresas o material necesario para identificar correctamente o produto no marco da campaña. A Deputación tamén proporcionará aos entes de xestión beneficiarios da liña de axudas de mellora da calidade e competitividade da Deputación da Coruña, os materiais para incluir a marca en todas as campañas promocionais que figuren nos programas obxecto de subvención 'A provincia que sabe'.
"A campaña de imaxe promocional", dixo o vicepresidente, "aportaralle visibilidade ás marcas territoriales, daralles soporte para chegar ao cliente final e reforzará as liñas de produto". O obxectivo final é o de chegar a un perfil turístico interesado particularmente pola gastronomía, máis tamén ao sector profesional: o da distribución e o da restauración, o dos clubs de produto gourmet, e o do comercio online. "E sempre mantendo a marca de referencia do seu propio territorio", en palabras de Regueira.
Outro dos aspectos importantes da campaña é a desestacionalización, "enfocado cara a un perfil de turista esixente que saiba valorar a calidade e a esencia do produto que lle estamos ofrecendo e mesmo que sexa capaz de desprazarse ao territorio en diferentes estacións buscando experiencias gastronómicas de alta calidade e de tempada".
Por último, o vicepresidente anunciou que o seu departamento pechará proximamente o calendario de feiras nas que estará presente en 2022, co Fórum de Barcelona e Xantar en Ourense, e pasará a deseñar o do 2023, "no que esta estratexia se implantará definitivamente".