Xosé Regueira: "Con 'A provincia que sabe' queremos poñer enriba da mesa conceptos como o consumo responsable e o turismo consciente, e as potencialidades da economía circular"
O Fórum Gastronómic de Barcelona, que terá lugar entre os días 7 e 9 de novembro, será a primeira das citas onde a área de Turismo da Deputación da Coruña desenvolverá, ao longo do vindeiro mes, un ambicioso programa de demostracións culinarias e degustacións de produtos representativos dos xeodestinos turísticos da provincia. Seguiranlle o Salón de Turismo Gastronómico ‘Xantar’ de Ourense, entre o 9 e o 13, e a Feria do Gourmet Galego ‘Etiqueta Negra’ de Pontevedra, o 13.
'A provincia que sabe', a marca turística e gastronómica da Deputación da Coruña, inicia a súa andaina en tres foros sectoriais que terán lugar a vindeira semana: o Fórum Gastronomic de Barcelona, o Salón de Turismo Gastronómico ‘Xantar’ de Ourense e a Feira do Gourmet Galego ‘Etiqueta Negra’ de Pontevedra. Trátase, segundo explica o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, “de incrementar os esforzos que estamos a realizar para promocionar a oferta turística da provincia desde parámetros de calidade e de sustentabilidade, en liña coas novas demandas da sociedade actual e poñendo enriba da mesa conceptos como o consumo responsable, o turismo consciente, e as potencialidades da economía circular”.
Entre o luns 7 de novembro e o mércores 9, a área de Turismo da Deputación desenvolverá un ambicioso programa de actividades no stand propio do Fórum Gastronómic de Barcelona, con oito demostracións culinarias e oito degustacións de produtos agroalimentarios representativos de todos os xeodestinos da provincia. Participarán cociñeiros e cociñeras da Costa da Morte, da Reserva das Mariñas e Terras do Mandeo, de Ortegal e da comarca de Santiago. "Intensificamos", di Regueira, "o programa que desenvolvido no mesmo foro en anos anteriores, co obxectivo de poñer en valor a diversidade do noso sector gastronómico como unha das fortalezas turísticas da provincia e, sobre todo, como un elemento para atraer e consolidar un turismo de calidade”.
A campaña ten dúas citas máis durante a semana vindeira. Do mércores 9 ao domingo 13 estará presente no Salón de Turismo Gastronómico ‘Xantar’ de Ourense cun stand propio, que acollerá degustacións de produto da provincia. Ademais, Regueira participará o venres 11 nunha mesa redonda onde dará a coñecer a marca ‘A provincia que sabe’, "co obxecto de “chegar a un perfil turístico interesado particularmente pola gastronomía, máis tamén ao sector profesional: o da distribución e o da restauración”.
Na mañá do domingo 13, a área de Turismo da Deputación participará por vez primeira na Feria do Gourmet Galego ‘Etiqueta Negra’ de Pontevedra, cun "showcooking" a cargo da cociñeira do grupo Nove e recoñecida cunha Estrela Michelín, Beatriz Sotelo.