Xosé Regueira propón en Fitur unha reflexión sobre a necesidade dun turismo sostible
Xosé Regueira presentou este mediodía en Fitur 'Provincia da Coruña, territorio sostible', a estratexia de sostibilidade turística posta en marcha polo seu departamento para aplicar políticas que fomenten un turismo sustentable desde un punto de vista social, económico e medioambiental.
Protagonistas do proxecto son os cinco Plans de Sostibilidade Turística en Destino da Deputación: Fogóns do Anllóns, Fragas do Eume, Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle e Centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra. «Todos», asegurou Regueira, «promoven un turismo respectuoso coa contorna que vai contribuír á xeración de riqueza local e favorecer a fixación de poboación do rural, entre outros aspectos».
«En Turismo da Deputación», engadiu, «somos moi conscientes da necesidade de políticas que manteñan a autenticidade do territorio e que teñan moi en conta a poboación local». «Dirixímonos a un perfil de turista esixente, que valora a calidade e que pon en valor o coidado do noso medio».
Como clave para levar a cabo esta estratexia, o vicepresidente sinalou a colaboración, «tanto entre administracións públicas como co sector privado». Deste xeito, «seremos quen de afrontar, en conxunto, retos tan relevantes como o cambio climático. A sustentabilidade non só debe ser a meta, senon tamén o motivo central das estratexias no turísticas».