A FEIRA CELEBRARASE DO 1 AO 3 DE ABRIL NO RECINTO FEIRAL DE MONTJUÏC
Xosé Regueira promoverá proxectos provinciais de turismo industrial no Salón B-Travel de Barcelona
Na xornada de apertura, Regueira participará nun relatorio sobre o Museo de Estrella Galicia-MEGA. “É unha satisfacción poder expoñer un recurso de primeiro nivel como é este Museo, que axuda a diversificar a oferta turística da provincia e mesmo de Galiza cun produto que, ademais de divulgar os valores empresariais dunha marca, serve para realzar a calidade do territorio, a aposta pola economía circular e polos produtores locais”, salienta o vicepresidente.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, encabeza a delegación provincial que participará esta semana no Salón B-Travel e onde o a institución coruñesa promoverá varios proxectos de turismo industrial. A feira celebrarase do 1 ao 3 de abril no Recinto Feiral de Montjuïc.
Na xornada de apertura, a Deputación da Coruña estará presente nas Xornadas Profesionais co relatorio, ás 16 horas, “MEGA Mundo Estrella Galicia. O patrimonio industrial de Hijos de Rivera recuperado cun museo experiencial”, sobre o Museo de Estrella Galicia-MEGA; correrá a cargo do vicepresidente provincial e do director do museo, Rodrigo Burgos. “É unha satisfacción poder expoñer un recurso de turismo industrial de primeiro nivel como é este Museo, que axuda a diversificar a oferta turística da provincia e mesmo de Galiza cun produto que ademais de divulgar os valores empresariais dunha marca serve para realzar a calidade do territorio, a aposta pola economía circular e polos produtores locais”, asegura Regueira.
A promoción complétase con “12 visitas imprescindibles na provincia da Coruña”, material que se ofrecerá na caseta da Deputación. Trátase dunha guía que recolle información sobre o Museo Estrella Galicia-MEGA, o proxecto de ecoturismo ‘A Castrexa’ (Cambre), a Casa Grande de Xanceda (Mesía), o Ecomuseo Forno do Forte (Malpica), o Lago Mineiro de As Pontes, o espazo museístico La Conservería de 1884 (Camariñas), a Ruta da Construción Naval en Ferrol, Mina Piquito (Moeche), o Muíño das Mareas ‘Pozo do Cachón’ (Muros), o proxecto ‘Os Biosbardos-Cultura de Leira’ (Cambre), a Ruta do lúpulo galego, e a empresa de cultivo e comercialización de té e plantas aromáticas ‘Orballo’ (Oleiros).