Xosé Regueira presentou en Pontedeume a plataforma de recollida de datos turísticos da Comarca do Eume
Xosé Regueira presentou hoxe en Pontedeume a plataforma de recollida de datos turísticos da Comarca do Eume, unha nova ferramenta do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Fragas do Eume, promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
«A información que recollerá a plataforma», explicou o vicepresidente na súa intervención, «permitiralles ás empresas e ás administracións públicas adaptar a súa oferta ás demandas e necesidades reais e planificar as accións de promoción e márketing». Todos os datos estarán dispoñibles no Espazo profesional da Comarca do Eume.
Regueira salientou «a importancia de coñecer os datos de visitantes e turistas, e do seu comportamento en destinos como as Fragas do Eume, para mellorar así a competitividade e a sostibilidade e seguir avanzando cara a un turismo que, para nós, só ten razón de ser se repercute de maneira positiva no territorio, social, medioambiental e economicamente».
«Estou convencido», afirmou Regueira, «de que estamos nunha zona que é a gran xoia do turismo de Galicia; unha xoia que temos a obriga de coidar, apostando por un turismo responsable nun parque natural como o das Fragas do Eume no que a sostibilidade é irrenunciable». «Para iso», engadiu, «debemos aplicar ferramentas que nos permitan seleccionar o perfil de turista que queremos atraer e ofrecerlle produtos deseñados á súa medida. Nese sentido esta plataforma é un pasomáis no camiño cara a ese turismo de futuro». «Somos», rematou, «un territorio turístico consolidado no escenario nacional e internacional, así que é o momento de avanzar en intelixencia de datos para deseñar estratexias e produtos en baseados nesa información».