CONFIRMOU QUE O PROGRAMA RECIBIRÁ 1,5 MILLÓNS DE EUROS DE FONDOS EUROPEOS
Xosé Regueira presentou na Laracha o Plan de Sostibilidade Turística en Destino 'Os fogóns do Anllóns'
O vicepresidente e titular de Turismo da Deputación anunciou tamén que 'Os fogóns do Anllóns' será un dos proxectos protagonistas das actividades que o seu departamento desenvolverá en Fitur o vindeiro mes de xaneiro. "Queremos facerlle chegar ao público profesional de Fitur voces representativas tanto de sectores económicos coma de toda a parte social relacionada co río Anllóns ao longo do seu percorrido pola comarca".
O vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, presentou esta mañá o Plan de Sostibilidade Turística en Destino 'Os fogóns do Anllóns'. O programa vén de ser incluído na Conferencia Sectorial de Turismo cunha concesión de 1,5 millóns de euros de fondos europeos.
Na presentación, que tivo lugar no Centro de Interpretación dos Muíños da Costa da Morte, en Golmar (A Laracha), participaron representantes dos cinco municipios que forman parte do proxecto: Evencio Ferrero e Maica Ures, alcalde e concelleira de Carballo; José Muíño Domínguez e Carlos Allo Cundíns, alcalde e tenente de alcalde de Cabana de Bergantiños; Juan Carlos García Pose, alcalde de Coristanco; Noelia Varela Suárez, primeira tenente de alcalde de Ponteceso; e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varelada, a quen acomparon dous dos concelleiros desa localididade, Moncho Martínez e Pablo Cambón.
Durante a xuntanza, ademais compartir cos representantes municipais a satisfacción por acadar o obxectivo de contar con fondos europeos Next Generation para desenvolver os 4 eixes recollidos no proxecto, Regueira fixo fincapé "na necesidade de socializar e divulgar o propio plan entre a comunidade local, tanto no social coma no económico, mais tamén en foros turísticos especializados". Neste sentido, anunciou que 'Os fogóns do Anllóns' protagonizará en exclusiva un dos actos que Turismo da Deputación levará a cabo en Fitur o vindeiro mes de xaneiro.
"Trátase", explicou o vicepresidente, "de facerlle chegar ao público profesional de Fitur voces tanto de sectores económicos coma de toda a parte social relacionada co río Anllóns ao longo do seu percorrido pola comarca". Para iso, Regueira pediulle aos alcaldes e aos concelleiros "un esforzo para implicar á veciñanza e aos axentes económicos na difusión e socialización do proxecto".
'Os fogóns do Anllóns' está concibido, afirmou Regueira, "para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible, e para cumprir cos catro eixes transversais que os fondos Next Generation esixen para acceder ás súas axudas". En canto ao primeiro eixo, a transición verde e sostible, o programa prevé, entre outras accións, a creación dunha rede de miradoiros e doutros espazos novos para usar, por exemplo, como praias fluviais; e tamén a limpeza e eliminación das especies invasoras nas beiras dos ríos.
No relativo ao segundo eixo, a mellora da eficiencia enerxética, 'Os Fogóns do Anllóns' quere organizar servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, apostará polo sendeiro do Anllóns, nuclear do proxecto, de 53 quilómetros que transcorren por A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.
A transición dixital é o terceiro eixo, cuxas accións, dixo Regueira,"irán orientadas a explicar, con ferramentas coma a realidade aumentada e códigos QR, a gastronomía local, ou a deseñar aplicacións nas que consultar todo o relacionado co proxecto".
No referido ao cuarto eixo, o da competitividade, o programa buscaría o embelecemento de restaurantes, incentivando, por exemplo, "que conten con louza e manteis elaborados na zona", en palabras do vicepresidente. "Tamén se potenciarán as feiras e se deseñarán rutas gastronómicas que aposten polo produto de quilómetro 0".