Xosé Regueira presenta en Fitur ‘Os Fogóns do Anllóns’ co obxectivo de posicionalo como destino gastronómico diferenciado
O vicepresidente provincial e titular de Turismo salientou a oportunidade que ofrece este proxecto para situar a comarca de Bergantiños como un destino gastronómico que "destaque a nivel estatal e internacional e para visibilizar un sector altamente competitivo, con capacidade para crear benestar e recursos económicos para o territorio".
O presidente e titular de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, presentou esta mañá en Fitur un dos proxectos apoiados polo seu departamento, 'Os Fogóns do Anllóns'. "O noso obxectivo está claro", explicou, "e non pode ser outro que posicionar os cinco concellos que o integran –A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana— como un territorio gastronómico diferenciado e que destaque a nivel estatal e internacional".
Regueira estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; polo alcalde de Cabana, José Muíño, e por Rocío Martínez, cociñeira do restaurante Pementa Rosa, de Carballo. "Queremos poñer en valor", afirmou, "a colaboración institucional a todos os niveis que fixo posible que 'Os Fogóns do Anllóns' sexa un dos proxectos financiados con fondos europeos no marco dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino".
Situar a comarca de Bergantiños no mapa do turismo gastronómico de calidade e sustentable foi a primeira das claves que Regueira salientou do proxecto, do que asegurou que "ten todos os ingredientes para visilizar un sector altamente competitivo e con capacidade para crear benestar, ademais de consituír un recurso económico importante para a o propio territorio". O vicepresidente repasou tamén outros dos principais activos do programa: a produción de produtos de alta calidade para toda a cadea gastronómica, a recuperación medioambietal ligada ao curso do propio río e a colaboración interinstitucional.
A presentación estivo apoiada por dous pequenos audiovisuais baseados na singularidade mediambiental que o río Anllóns lle confire ao territorio e sobre todo nos recursos de proximidade, tanto a nivel gastronómico como outras ofertas turísticas máis amplas, caso do ocio activo e de natureza. No vídeo, ademais de Regueira, teñen voz representantes políticos dos cinco concellos que forman parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino 'Os Fogóns do Anllóns'; o cociñeiro Marcos Seoane e a cocileira Rocío Martínez, dos restaurantes carballeses Río Sil e Pementa Rosa, respectivamente; a integrante da asociación Deportiva Downhill (BTT) da Laracha, María Rivera Haz; o presidente da asociación de veciños San Adrián de Verdes, José Rial; a empresaria Lucía Calvo, da marca de produtos gourmet La Huerta D'Lujo, de Coristanco; o ornitólogo José Luis Rabuñal, e a presidenta da asociación de mariscadoras de Cabana, Inés García Fernández.