Xosé Regueira: «O obxectivo de Degusta A Coruña é poñer en valor o noso sector agroalimentario e falar do futuro do turismo e da gastronomía»
Xosé Regueira participou esta mañá na xornada inaugural de Degusta A Coruña, o congreso organizado pola área de Turismo da Deputación da Coruña no marco da campaña 'A provincia que sabe', que ten como obxectivo reivindicar a excelencia da cadea agroalimentaria da provincia e ofrecer un percorrido de experiencias gastronómicas polo territorio, e cuxo programa desenvolverase, desde hoxe ata este mércores, en Fene, Betanzos, Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo.
No segundo dos faladoiros do congreso, no antigo Matadoiro de Betanzos, o vicepresidente explicou a aposta do seu departamento, «pola gastronomía e a cadea de valor agroalimentaria como primeiro produto turístico do noso escaparate». «Nos últimos anos», dixo, «esta provincia pasou de ser un territorio de boa comida a un territorio gastronómico, precisamente grazas ao traballo de todos os elos desa cadea e ao de restauradores novos que tratan o produto do mellor xeito e nos ofrecen experiencias gastronómicas de primeiro nivel». «Ese é», engadiu, «o obxectivo deste congreso: poñer en valor un sector que, ademais, traballa en conxunto e creando alianzas, ademais de falar de 'futurismo', o futuro do turismo e da gastronomía».
«A Axenda 2030», apuntou Regueira, «obríganos a repensar moitas outras cuestións, tamén relacionadas coa gastronomía, tanto a nivel global coma local, e este congreso parécenos un espazo idóneo para reflexionar sobre eses retos de futuro». «Sen esquecer a meta do desenvolvemento sostible, que é erradicar a fame e que nos vai obrigar a ir á nosa despensa mariña; temas, todos, que abordaremos neste congreso con ponentes de primeiro nivel», rematou.