Xosé Regueira e Natividade González destacan o Interplay como «espazo de diálogo, liberdade e vangarda», na presentación da 12ª edición do festival carballés

«O Interplay é un lugar para poder enriquecerese: eu sempre aprendo moitísitimas cousas en cada edición, e podo asegurar que quen o coñece repite», dixo o vicepresidente sobre un festival que naceu e medrou grazas ao seu apoio. «Regueira», afirmou a deputada de Cultura, «soubo mirar máis alá do cotián, apostar pola innovación e dar proxección a Carballo como epicentro da creatividade e da innovación cultural, non só con esta iniciativa, senón con moitas outras que levan a marca da imaxinación, do compromiso e da visión estratéxica».
O Museo de Bergantiños acolleu esta mañá a presentación da duodécima edición do Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais que organizan o Concello de Carballo e Carballo Turismo, con dirección e produción de Cósmica Producións e apoio da Deputación da Coruña. Celebrarase do 24 ao 27 de outubro na capital bergantiñá, convertido en cita de referencia en Galicia, a única dedicado a tratar desde a reflexión, a diversidade e a aprendizaxe as tendencias na rede e pioneira en crear un espazo de encontro físico entre as persoas que crean contido no dixital.
Na rolda de prensa participaron Xosé Regueira e Natividade González, a quen acompañaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e a directoras do festival, Sonia Méndez e Andrea Villa.
Comezou a súa intervención o vicepresidente provincial dándolle os parabéns a Méndez e a Cósmica «por este ano longo de éxitos que creo que hai que celebrar». Estendeu as felicitacións «á equipa de mulleres que fan posible o Interplay, tanto na produción e na programación de contidos coma na parte técnica do Concello, que conseguiron que un evento tan diverso e importante se poida desfrutar en Carballo». «Un festival», engadiu, «que xera sinerxias con outros eventos igual de atractivos».
«A min gústame chamarlle evento», afirmou Regueira, «porque o Interplay comezou coma un festival de wewbseries, nun momento no que as webseries tiñan máis pegada dixital da que teñen agora mesmo e no que non había outro festival para elas no ámbito estatal, pero cos anos foi mellorando e adaptándose tamén as tendencias que ían aparecendo na rede». «Pero, repito, o Interplay agora mesmo é moita máis ca iso: é un espazo de debate, de diálogo, de tendencias; un espazo para deliberar, no que todas as persoas que teñen algo que contar atopan o lugar perfecto para facelo».
A programación do Interplay 2025 «é a mellor de todas ata o de agora, ou unha das mellores sen dúbida», asegurou Regueira, que convidou a toda a veciñanza carballesa a ir ver as propostas e e participar: «Son actividades abertas á participación, por iso animo a todo o público, non só ao máis novo e non só ao de Carballo, senón ao de todas as idades, de toda a provincia da Coruña e de toda Galicia, a que coñeza o festival para poder enriquecerese: eu sempre aprendo moitísitimas cousas en cada Interplay, e podo asegurar que quen coñece o festival repite».
Reiterou o vicepresidente o seu agradecemento «polo esforzo das institucións, Concello de Carballo e Xunta de Galicia, e de toda a equipa do Interplay, que conseguiron facer do festival un evento recoñecido xa non a nivel galego, senón a nivel internacional, o que para Carballo é tan importante». «O Interplay», rematou, «logrou poñer foco en algo para o que Carballo se esforza día a día: un lugar onde a cultura, e sobre todo a cultura de calidade, pesa no seu orzamento, e está claro que o orzamento municipal de Carballo reflicte ese interese pola cultura e por converter esta vila no epicentro de cuestións que culturalmente teñen transcendencia e serven para construír unha sociedade cada vez máis xusta e máis respectuosa co talento».
Tamén Natividade González tivo palabras de gabanza para a organización e para o Concello de Carballo, «pola posta en marcha dun festival pioneiro, atrevido e necesario, que xa é un referente no ámbito das narrativas dixitais e da creación contemporánea, convertido nunha cita de referencia no panorama galego e estatal». Tamén para Regueira, «por saber mirar máis alá do cotián, por apostar pola innovación e por dar proxección a Carballo como epicentro da creatividade e da innovación cultural, non só con esta iniciativa, senón con moitas outras que levan a marca da imaxinación, do compromiso e da visión estratéxica».
«Dende a Deputación», sinalou a titular de Cultura, «estamos orgullosas de apoiar o Carballo Interplay a través da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais para o desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas, un programa co que buscamos consolidar un tecido cultural forte, diverso e arraigado no territorio».
O Carballo Interplay representa para González «todo no que cremos: dialoga co presente e coa mocidade, explora novas linguaxes e plataformas, defende sen complexos a nosa lingua e a nosa cultura, e convida a pensar, a crear e a compartir». «É, en definitiva, un espazo de liberdade e de vangarda, que contribúe tamén á dinamización económica, ao turismo cultural e á proxección exterior do noso potencial creativo. Por iso, desde a Deputación da Coruña seguiremos a poñer os recursos ao servizo de festivais como este, que fan da cultura un motor de transformación social e de orgullo colectivo».