Regueira reafirma no peche do Galicia Fórum «o compromiso da Deputación coa preservación da autenticidade gastroturística da provincia»

Rematou hoxe na Coruña o Galicia Fórum Gastronómico 2025, onde o departamento de Turismo da Deputación da Coruña participou cunha ambiciosa programación para reafirmar o seu compromiso «coa preservación da autenticidade gastroturística da provincia», en palabras do vicepresidente Xosé Regueira.
«Estar en Fórum», dixo Regueira «é ter a convicción de que imos estar no mellor escaparate da nosa gastronomía, que nos permite non so poñela en valor, senón tamén reivindicar os nosos produtos e o noso territorio». «A provincia da Coruña», engadiu, «é un destino turístico auténtico que alberga pequenas peculiaridades que o fan único, coma a nosa xente e as nosas paisaxes. E hoxe é máis importante que nunca, se cabe, defender a preservación desa autenticidade».
O vicepresidente provincial cualificou de «moi postivo» o paso de Turismo da Deputación pola feira, «unha cita que xa é de referencia internacional e que nos permite promover a nosa gastronomía e o noso turismo e tamén poñer en valor o traballo dos nosos produtores e produtoras locais ante un público moi diverso, tanto profesional como xeral».
Nesta última xornada, Regueira presentou, nos espazos 'Taller' e 'Ágora' que programou o seu departamento, os encontros 'Cociña moderna vs. Cociña tradicional: un debate culinario' e 'Costa da Morte: esencia e territorio', e a demostración de cociña en directo que ofreceu Lucía Freitas, do restaurante santiagués A Tafona.
Tamén entregou o Premio Picadillo 2025, na categoría de Cociña, a Celestina Martínez, do restaurante O Parrulo (Ferrol), e os galardóns da categoría Profesional do Concurso de Empanadas, que foron para o gañador Cantón (Ortigueira), Club Santo Domingo (Pereiro de Aguiar), segundo clasificadado, e Casa Zapateiro (Mesía), terceiro premio.