Natividade González destaca «o grande impacto que xa están a ter no panorama cultural galego» os proxectos desenvolvidos nas Residencias Artísticas Mariñán

González, durante a súa visita a Mariñán
González, durante a súa visita a Mariñán
A deputada do BNG compartiu xornada coas e cos participantes este ano nas residencias e púxoas en valor «como un piar fundamental da programación do departamento de Cultura da Deputación, e exemplo das políticas de apoio á creación cultural na nosa provincia e en toda Galiza».
Natividade González destaca «o grande impacto que xa están a ter no panorama cultural galego» os proxectos desenvolvidos nas Residencias Artísticas Mariñán

«No departamento de Cultura da Deputación da Coruña», explicou González durante a súa visita ás e aos participantes nas Residencias Artísticas Mariñán, «cremos firmemente na importancia de proporcionarlles ás e aos artistas un espazo propicio para que traballen nos seus proxectos, e Mariñán ofrece ese lugar de encontro, traballo comunitario, intercambio e aprendizaxe, onde reflexionar, avanzar e repensar as propostas, lonxe do ritmo vertixinoso do cotiá». «Ver», engadiu, «como os e as artistas aproveitan este tempo e este espazo para conectar, intercambiar, crear e aprender é unha satisfacción e un orgullo, e anímanos a seguir apostando por este tipo de iniciativas».

As Residencias Artísticas Mariñán son, para a deputada do BNG, «un piar fundamental da programación do departamento de Cultura da Deputación, exemplo das políticas de apoio á creación cultural na nosa provincia e en toda Galicia».

Segundo González, «o talento que se reuniu este ano en Mariñán é excepcional, como o foi nas anteriores edicións, e estou segura de que os proxectos que xurdan desta residencia terán un grande impacto no panorama cultural galego, como xa o están a ter». E referiuse nomeadamente á montaxe teatral Iribarne, de ButacaZero, que participou nas Residencias en 2022 e vén de ser a gran triunfadora dos premios María Casares con  nove galardóns. 

A estadías inclúen, segundo explicou a titular provincial de Cultura, «a dotación material necesaria e espazos axeitados no Pazo de Mariñán para o desenvolvemento das propostas; manutención e aloxamento para as e os participantes; encontros con persoas relacionadas co mundo da creación e do pensamento». «Tamén formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto por parte de expertas e expertos convidados; visitas e reunións con outras e outros axentes culturais e programadores como apoio á continuidade da proposta dentro dos circuítos musicais, e acompañamento e seguimento do proxecto, co fin de facilitar a súa viabilidade, por parte da comisaria de música, Aitana Cuétara,  e do comisario de literatura e pensamento, Roberto Abuín». 

González deulles tamén os parabéns ás e aos residentes este ano: Blanca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento; e, na modalidade de música, Ailén Kendelman (Unha señora orquestra), Abril (Investigación e creatividades para disco), Nanu (Creación de percusión para EP) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).

Natividade González destaca «o grande impacto que xa están a ter no panorama cultural galego» os proxectos desenvolvidos nas Residencias Artísticas Mariñán