Xosé Regueira e María Muíño poñen en valor o traballo do grupo provincial do BNG para situar a Cabanas "no mapa do turismo consciente e responsable"
Xosé Regueira e María Muíño acompañaron ao alcalde de Cabanas, Iago Varela, nunha visita para contrastar de primeira man a evolución de proxectos e iniciativas que se levan realizado nos últimos anos neste concello. O vicepresidente provincial e titular de Turismo e a deputada de Igualdade mantiveron un encontro coa Asociación de Mulleres Cabanas Rural e visitaron o proxecto turístico “Natureza de Laraxe”.
Regueira e Muíño puxeron en valor tanto o investimento da Deputación a través do Plan Único, co que se conseguiu mellorar parte das infraestruturas municipais, máis tamén outros proxectos como o PSDT de Fragas do Eume, que dotará ao Concello de Cabanas de fondos europeos Next Generation. "Se estes fondos son utilizados con intelixencia", salientou o vicepresidente, "podemos conseguir que todo ese investimento teña un retorno na poboación de aquí, creando novos nichos de actividade económica, recuperando e poñendo en valor recursos naturais e ambientais, e situando a Cabanas no mapa do turismo consciente e responsable”.
Muíño explicoulles as representantes da Asociación de Mulleres Cabanas Rural que, de cara a petición de dotar á entidade de equipamento informático, no presente exercicio o seu departamento estrea unha liña de axudas de investimento dirixida a entidades formadas por mulleres.
Afianzar poboación no rural, promover iniciativas que beneficien a creación de novos empregos para a veciñanza e que Cabanas sexa coñecido como un lugar con personalidade propia, foron algúns dos temas que xurdiron no encontro. Tamén se trataron outras suxestións como a recuperación de lavadoiros e a súa contorna, ou a conservación dos muíños de parceiros de cara a estudar a posibilidade de crear un roteiro que os poña en valor a nivel patrimonial e turístico.
Muíño e Regueira tamén visitaron o proxecto turístico “Natureza de Laraxe”, un programa que o candidato á alcaldía, Iago Varela, asegurou “que ten moi altas posibilidades de ter éxito porque está situado nunha zona que aínda ten moita marxe de crecemento turístico, sobre todo para proxectos que aposten pola calidade e fuxan da precarización”.