Xosé Regueira: «A gastronomía da provincia da Coruña está a destacar en Madrid Fusión, onde o produto gourmet e a alta cociña son o público exclusivo»
O departamento de Turismo provincial participa por primeira vez no congreso madrileño cunha casete institucional e outras con actividades para poñer en valor a cadea gastronómica, que, baixo parámetros de calidade e sustentabilidade, se agrupan no selo ‘A provincia que sabe’. A primeira destas promocións foi, hoxe, a demostración culinaria que ofreceron os cociñeiros coruñeses Iván Domínguez e Moncho Méndez no restaurante Xeito!19’20".
A Deputación da Coruña, a través do departamento de Turismo, do que é titular Xosé Regueira, participa por vez primeira no congreso de alta gastronomía Madrid Fusión cunha caseta institucional e con outras con actividades para poñer en valor a cadea gastronómica, que, baixo parámetros de calidade e sustentabilidade, se agrupan no selo ‘A provincia que sabe’.
«Madrid Fusión», explicou hoxe Regueira ao remate da xornada inaugural do congreso, que durará ata o mércores, «é o primeiro gran evento do ano no que os produtos e os produtores, e en xeral toda a cadea de valor da gastronomía da provincia da Coruña, se destacan nun marco onde o produto gourmet e a alta cociña son o público exclusivo da feira”. O vicepresidente salientou a grande afluencia de visitantes que tivo a caseta da Deputación neste día de apertura de feira.
As actividades paralelas de promoción que Turismo da Deputación leva a Madrid Fusión comezaron coa demostración culinaria que ofreceron os cociñeiros coruñeses Iván Domínguez e Moncho Méndez no restaurante Xeito!19’20", receitas preparadas con produtos de todas as marcas presentes no stand da Deputación. De A Conserveira (Ribeira),as navallas con pilpil, os mexillóns con emulsión da súa allada e a ensaladilla con ventresca e sardiñas. Os percebes da Asociación de Profesionais do Percebe da Barca (Muxía) e o queixo Galmesán (Arzúa) foron cociñados nun risotto de marisco, e as ‘alubias roxas’ de La Huerta D’Lujo (Coristanco) formaron parte dun guiso de ameixas, nun menú no que tamén se incluíron as empanadas de Costumes Galicia (Carballo). Choiva Viños achegou os tres viños que se degustaron: Cazapitas da I.X.P. Barbanza e Iria, e Xeixedo e Ribeiras de Armea, ambas da I.X.P. Betanzos.