OS FOGÓNS DO ANLLÓNS E AS FRAGAS DO EUME, PROTAGONISTAS DOS ACTOS OFICIAIS DA DEPUTACIÓN NA FEIRA

Xosé Regueira: "En Fitur defenderemos unha aposta política e unha estratexia turística baseadas no valor do propio e nas potencialidades do noso territorio"

Xosé Regueira, nunha edición anterior de Fitur
Xosé Regueira, nunha edición anterior de Fitur

"Levamos moitos anos a traballar de xeito constante priorizando a calidade sobre a cantidade, apostando claramente por iniciativas que inclúan parámetros de sustentabilidade, que poñan en valor a autenticidade do noso territorio e das e dos profesionais que traballan nel e, sobre todo, que posibiliten un retorno económico para a comunidade local", salienta o vicepresidente provincial a próposito da participación da Deputación da Coruña na vindeira edición de Fitur, que se celebrará en Madrid do 18 a 22 de xaneiro.

Xosé Regueira: "En Fitur defenderemos unha aposta política e unha estratexia turística baseadas no valor do propio e nas potencialidades do noso territorio"

Os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino Os Fogóns do Anllóns e As Fragas do Eume serán os protagonistas dos actos cos que a Deputación da Coruña estará presente en Fitur. O vicepresidente da institución provincial e titular da área de Turismo, Xosé Regueira, encabezará a delegación coruñesa na feira do sector máis relevante do Estado. Acompañarano representantes políticos e do tecido social, económico e deportivo de Bergantiños e do Eume, as comarcas ás que pertencen os concellos incluídos nos dous proxectos.

"Esta decisión de difundir dous Plans de Sustentabilidade Turística en Destino está enmarcada", asegura Regueira, "nunha aposta política e nunha estratexia turística baseada no valor do propio e nas potencialidades do noso territorio". "Levamos moitos anos traballando de xeito constante priorizando a calidade sobre a cantidade, apostando claramente por iniciativas que inclúan parámetros de sustentabilidade, que poñan en valor a autenticidade do noso territorio e das e dos profesionais que traballan nel e, sobre todo, que posibiliten un retorno económico para a comunidade local".

A primeira das citas da Deputación en Fitur será a presentación de Os Fogóns do Anllóns, o mércores 18, ás 12.30 horas, no posto de Turgalicia. "Poñéremoslle voz e cara ao proxecto a través dun audiovisual que recollerá intervencións de representantes de sectores como o colectivo de mariscadoras do esteiro do Anllóns, de produtores de legumes e pataca, panadaría, restauración e mesmo deportistas que utilizan o propio Anllóns para as súas prácticas deportivas", salienta o vicepresidente. O vídeo tamén recollerá as voces do propio Regueira e dos cinco alcaldes dos concellos incluídos no proxecto —A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana—. Ademais, no acto intervirá unha representación das tres administracións con participación activa no Plan: a Deputación, A Xunta e a Asociación de Concellos.

Para o xoves 19,  ás 18 hora, está prevista a promoción do Plan de Sostibilidade Turística en Destino As Fragas do Eume. Tamén incluirá un vídeo sobre as potencialidades dos cinco concellos participantes no plan —As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela— e as intervencións dos representantes da Deputación, da Xunta e dos concellos.

Regueira lembrou que todos os proxectos que o departamento provincial de Turismo impulsou nas diferentes convocatorias de Plans de Sustentabilidade do Ministerio foron aprobados con éxito: Xeoparque Cabo Ortegal, Fragas do Eume, Fogóns do Anllóns e Vía Verde. Entre todos suman 6 millóns de euros de fondos europeos (1,5 millóns de euros cada un) e implican a un total de 22 concellos da provincia. "Son todos eles", dixo o vicepresidente, "proxectos altamente comprometidos co territorio, coa conservación co medio natural, o seu verdadeiro motor de desenvolvemento".

Xosé Regueira: "En Fitur defenderemos unha aposta política e unha estratexia turística baseadas no valor do propio e nas potencialidades do noso territorio"