Xosé Regueira: «Festivais coma as Meninas de Canido son quen de rexenerar o espazo público e xerar dinamismo económico e turístico»
Xosé Regueira participou está mañá na presentación da décimo sexta edición do Festival Meninas de Canido, que organiza a Agrupación Artística Meninas de Canido e que se vai celebrar nese barrio ferrolán, do 6 ao 8 de setembro, co apoio da Deputación da Coruña.
«Para min, coma para todas as persoas ás que nos gusta a arte pública, é moi fermoso gozar destas rúas de Canido, e un pracer descubrir espazos onde a arte urbana consigue rexenerar e xerar dinamismo económico», destacou o vicepresidente ao comezo da súa intervención.
O turismo, segundo Regueira, é outro dos sectores que se benefician do festival: «Estamos pechando unha temporada turística onde, por fin, Ferrol e toda a súa costa son xa non unha promesa, senón unha realidade, cuns datos fantásticos». «E as Meninas», engadiu, «forman parte tamén dese ideario e deses recursos que buscan moitas persoas cando viaxan ou visitan lugares coma o que nos atopamos».
Para o vicepresidente, as Meninas converteron a Canido nun dos referentes internacionais da arte urbana: «É unha gozada saber que aquí en Ferrol, e en Canido especialmente, haxa espazos que se poden comparar aos grandes barrios de arte urbana de toda Europa e de todo o mundo. Podo dicir que eu aquí atopo mellor obra que a que atopei en Harlem, en Nova York, en Londres ou mesmo en Exarchia, en Atenas, que veño de visitar este mesmo verán».
«Desde a Deputación», dixo Regueira, «seguiremos a apoiar iniciativas coma esta, para contribuír a que todos tomemos consciencia do que significa a arte pública a nivel turístico internacional».
O vicepresidente rematou a súa intervención dándolle os parabéns ao Concello de Ferrol por apoiar as Meninas e agradecéndolle á organización o traballo que fan por ofrecer un festival «cada ano mellor, que nos permite gozar da arte urbana non só estes tres días, senón tamén despois ao longo de todo o ano dos seguintes».