Xosé Regueira defende unha fórmula similar ao Plan Único para garantir que os Fondos Next Generation cheguen eficazmente aos concellos
O vicepresidente, que participou esta mañá no Congreso Digital Tourist de Benidorm, centrou a súa intervención nos eixos claramente enfocados á transición enérxetica e dixital que se inclúen nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino do Eume e de Ortegal, e nos dous da Costa da Morte que están actualmente en preparación.
O vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defendeu esta mañá no Congreso Digital Tourist, que se está a celebrar en Benidorm, a idoneidade de contar cunha fórmula similar ao Plan Único para garantir que os fondos Next Generation cheguen eficazmente aos concellos. Regueira centrou a súa intervención nos eixos claramente enfocados á transición enerxética e dixital que se inclúen nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino do Eume e de Ortegal, xa aprobados, e nos dous da Costa da Morte, en preparación.
O vicepresidente explicou que a Deputación conta neste momento con “mecanismos baseados en criterios totalmente transparentes” que permiten transferir aos concellos 100 millóns de euros para levar a cabo accións municipais aprobadas en pleno. “Atendendo a esta experiencia”, engadiu, “gustaríame que ás Deputacións se nos permitise ter un papel deste tipo en relación aos fondos europeos”. Regueira fixo este apuntamento na última mesa de debate, previa á intervención da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.
O deputado de Turismo indicou que dos 60.000 núcleos de poboación do Estado, 32.000 están en Galiza polo que o turismo no territorio galego “é fundamentalmente rural”, e que, neste sentido, “toda transición dixital ten que responder ao noso enfoque de turismo intelixente, que é un turismo que debe tender cara o 100 por cento da sustentabilidade, cara a economía circular e cara a preservación do medio natural e da forma tradicional de vida do noso territorio”. “A transición dixital debe axudarnos a acadar este tipo de turismo”, afirmou.
“O gran reto que afrontamos neste momento”, dixo, “é o de establecer mecanismos de medición e análise de datos, e nisto as tecnoloxías dixitais teñen unha gran importancia”. Como exemplo, mencionou a necesidade de medir o gasto dun concello en servizos destinados á poboación visitante –non residente-, e avaliar que volume de turistas pode atender ao longo do ano e enfocar as estratexias de promoción a eses obxectivos.
Regueira compartiu intervención con Mª Carmen Rodríguez, xerente de INPRO da Diputación de Sevilla; Patricia Valle, deputada de Turismo da Diputación de Cáceres; e co asociado de AMETIC, Ignacio Albendea. A mesa estivo conducida por Javier Martínez Belotto, coordinador do grupo de traballo ‘Pueblos digitales sostenibles’ da AMETIC.