A DEPUTACIÓN DA CORUÑA ACHEGA ESTE EXERCICIO UNHA PARTIDA DE 800.000 EUROS

Xosé Regueira: "Coa liña de axudas para financiamento en 2022 do persoal das oficinas de turismo seguiremos incrementando a calidade e mellorando a atención no sector”

O responsable de Turismo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira
O responsable de Turismo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira
Desde 2017, as axudas da Deputación para a contratación de persoal especialista en turismo dánlle traballo no ámbito territorial da provincia  a 53 persoas e tamén servizo a un total de 62 entidades municipais. "Desde o primeiro momento fomos conscientes de que un turismo de calidade implicaba ter bos técnicos para planificar e bo persoal para informar”, explica Regueira.
Xosé Regueira: "Coa liña de axudas para financiamento en 2022 do persoal das oficinas de turismo seguiremos incrementando a calidade e mellorando a atención no sector”

Co obxectivo de seguir avanzando na profesionalización do sector, o departamento de Turismo da Deputación da Coruña destinará en 2022 un total de 800.000 euros para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo. 

Serán beneficiarios das axudas os  concellos e agrupacións de concellos de menos de 50.000 habitantes, que poderán recibir subvencións de entre 10.000 e 20.000 euros. Os municipios de menos de 10.000 habitantes que non dispoñan de áreas de turismo nin persoal asignado á xestión de turismo no seu organigrama, que non conten con grandes infraestruturas de aloxamento, mais que no seu territorio dispoñan de espazos, bens ou outros recursos capaces de xerar dinámicas positivas para o turismo, estacional ou eventualmente, poderán solicitar a subvención conxuntamente mediante a agrupación de concellos limítrofes (mínimo tres).

Desde 2017, a liña de subvencións da Deputación para a contratación de persoal especialista en turismo dálle traballo no ámbito territorial da provincia  a 53 persoas e tamén servizo a un total de 62 entidades municipais.

“Desde o primeiro momento fomos conscientes de que un turismo de calidade implicaba ter bos técnicos para planificar e bo persoal de información turística”, explica o vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira. “Sabiamos tamén”, engade, “das necesidades dos concellos, pola precariedade de recursos humanos e pola imposibilidade legal de contratar novo persoal, de contar con persoal especializado en turismo para darlle servizo a unha proposta de calidade no territorio. Polo tanto, estamos moi orgullosos de que  esta subvención da Deputación, que ademais é unha axuda do cen por cento, sirva para incrementar a calidade e mellorar a atención, algo que para nós é imprescindible se queremos ser competitivos no futuro”.

Para Regueira, “non só vale falar de turismo, senón que hai que planificar recursos e hai que estruturar o produto, e para iso van ser imprescindibles as persoas que saen formadas das universidades en materia turística. Por iso en breve haberá en torno a 50  persoas traballando nos concellos da provincia da Coruña e  teremos tamén, a nivel territorial, un equipo de técnicos e de técnicas que nos van axudar tanto a nós como á propia política turística de Galiza a presentar produtos de cada vez maior calidade”.

As bases das catro convocatorias xa está o publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 27 de xaneiro e poden consultarse e descargarse no seguinte enderezo: https://bit.ly/35vXP2L

O prazo de presentación de solicitudes —que deberán presentaranse de xeito telemático, na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de subvencións da Deputación (SUBtel) —darase a coñecer no BOP nos próximos días.

Xosé Regueira: "Coa liña de axudas para financiamento en 2022 do persoal das oficinas de turismo seguiremos incrementando a calidade e mellorando a atención no sector”