A DEPUTACIÓN DA CORUÑA RECIBIU HOXE A HUSNI ABDEL WAHED NA SEDE PROVINCIAL
Xosé Regueira e Avia Veira trasládanlle ao embaixador de Palestina en España a solidariedade do BNG co pobo palestino
O embaixador de Palestina en España, Husni Abdel Wahed, foi recibido esta mañá na sede da Deputación, nun acto no que a institución provincial estivo representada por Xosé Regueira, Avia Veira, o presidente Valentín González Formoso e mais outros deputados da corporación.
Regueira e Veira tiveron a oportunidade de trasladarlle ao diplomático o apoio e solidariedade do BNG coa causa do pobo palestino, «ademais dos nosos desexos de que se decrete canto antes o cesamento do fogo e que por fin a política se impoña ao belicismo xenocida actual», en palabras do vicepresidente.
«Tamén lle manifestamos», comentou Regueira, «a nosa preocupación pola escalada de violencia que está a perpretar o Goberno sionista de Israel e o noso asombro pola pasividade de Occidente, que segue a consentir, por unha banda, o xenocidio do pobo palestino, e por outra, a estratexia de ocupación e bombardeo de estados soberanos».
«Fixemos tamén», dixo Veira, «un repaso do que veñen sendo estes 76 anos de ocupación xa da Palestina, do drama humanitario que se está a vivir e das consecuencias na xeopolítica global da ocupación e da barbarie que Israel está a perpretar nesas terras».