Xosé Regueira aposta en Xantar por promover ‘A provincia que sabe’ entre o turismo de proximidade
"Agora que comeza a mal chamada tempada baixa, é o momento para darnos a coñecer no resto do país e apostar polo turismo interior e de proximidade", afirmou o vicepresidente da Deputación durante a súa intervención, esta mañá, no 23 Salón Internacional de Turismo Gastronómico ourensán.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou está mañá no 23 Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se está a celebrar en Ourense, cunha intervencion na que reivindicou os valores de calidade e sustentabilidade de 'A provincia que sabe', a marca promocional que o seu departamento vén de botar a andar.
"Agora que comeza a mal chamada tempada baixa, é o momento para darnos a coñecer no resto do país e apostar polo turismo de interior e de proximidade", asegurou. "Xantar é un dos escaparates máis acaídos para este tipo de promoción destinada ao visitante que chega desde lugares más próximos".
Regueira cualificou a presenza da área de Turismo provincial en Xantar como "un clásico". "Este ano", egandiu, "forma parte da semana máxica que iniciamos no Fórum Gastronómic de Barcelona, continuamos aquí en Ourense e remataremos o domingo en Etiqueta Negra en Pontevedra da man da cociñeira con Estrela Michelín Beatriz Sotelo".
O vicepresidente aproveitou tamén para poñer en valor a capacidade de cociñeiros e cociñeiras, e de produtores e produtoras da provincia para "destacar en eventos moi competitivos e moita categoría como o Fórum de Barcelona, onde foron quen de abrir mercados e volver para a casa con novas canles de negocio".
O mesmo que en edicións anteriores, Turismo da Deputación da Coruña conta en Xantar cunha caseta onde acolle degustacións de produtos procedentes dos xeodestinos da provincia, como A Capela, Vimianzo, Pontedeume e Mazaricos, Moeche, Arzúa, Carballo, San Sadurniño, Muxía, Cariño, O Pino e Ortigueira.