O VICEPRESIDENTE PARTICIPOU HOXE NA INAUGURACIÓN DA IV FEIRA BIOCULTURA A CORUÑA
Xosé Regueira: «Actuar desde a sostibilidade é unha necesidade para o turismo do futuro»
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta mañá na inauguración institucional da Feira BioCultura, que está a celebrarse en Expo Coruña, onde asegurou que «pensar no futuro do plantea e actuar desde a sostibildiade é unha necesidade para o turismo do futuro».
Regueira lembrou que desde o departamento provincial de Turismo sempre se traballou «facendo unha aposta activa polos recursos do territorio, como un activo turístico enfocado a “un tipo de cliente máis esixente e comprometido co medio». «Neste momento», engadiu, «temos en marcha catro Plans de Sostibildiade Turística en Destino no conxunto do territorio da provincia que dan mostra de como concibimos o traballo neste campo, onde xogan un papel fundamental a responsabilidade para co medio e para co territorio e a saúde do planeta, e enfocados a un tipo de cliente turístico que está a demandar este tipo de compromiso».
«Agardo», desexou, «que estes tres días de feira sexan un éxito e dean a coñecer como se están a facer as cousas, a nivel de sostibilidade, desde esta cidade, desde a provincia da Coruña e desde o noso país». «Esperemos», rematou, «que este espazo sirva tamén para reflexionar e mellorar para saír todos beneficiados, tanto desde o punto de vista turístico como desde o punto de vista de cidadáns responsables».
A caseta de Turismo da Deputación en BioCultura acollerá, entre hoxe e o domingo, un completo programa de actividades que inclúen demostracións culinarias, conferencias e presentacións de iniciativas e produtos. Ademais, como vén sendo habitual, tamén conta cun espazo reservado de xeito permanente a produtores e produtoras da provincia.