O DEPARTAMENTO DE TURISMO TAMÉN FINANCIARÁ A NOVA ÁREA DE AUTOCARAVANAS DE BERTAMIRÁNS
Xosé Regueira anuncia a posta en marcha dun novo proxecto turístico da Deputación verbo da Depresión Meridiana
O vicepresidente provincial e o alcalde de Ames, Blas García, acordaron hoxe nunha xuntanza de traballo, na que tamén participou o deputado do BNG Xosé Lois Penas, constituír as mesas de traballo para botar a andar o plan. “Este proxecto parte dun accidente xeolóxico único que serviu para configurar territorio, para configurar cultura e para configurar unha paisaxe arredor da que queremos deseñar nos vindeiros anos produtos turísticos de calidade que sexan positivos para a poboación xeral, para a poboación residente, para os sectores económicos e tamén para o turismo”, asegurou Regueira tras a reunión.
O vicepresidente e responsable provincial de Turismo, Xosé Regueira, anunciou esta mañá no Concello de Ames que a Deputación está iniciando a posta en marcha dun novo proxecto singular turístico arredor da Depresión Meridiana. Esta proposta, que involucra a varios concellos da provincia, foi o principal punto de traballo da xuntanza mantida esta mañá entre Regueira e o alcalde de Ames, Blas García, e na que tamén participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas; o tenente de alcalde de Ames, David Santomil, e o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, entre outros concelleiros e concelleiras do goberno municipal.
“Este proxecto parte dun accidente xeolóxico único que serviu para configurar territorio, para configurar cultura e para configurar unha paisaxe arredor da que queremos deseñar nos vindeiros anos produtos turísticos de calidade que sexan positivos para a poboación xeral, para a poboación residente, para os sectores económicos e tamén para o turismo”, asegurou Regueira tras a reunión. Para García, o proxecto supón “unha moi boa oportunidade para poñer en valor esta singularidade do noso territorio” e amosou a súa disposición para poñelo en marcha.
Na xuntanza desta mañá tomouse a decisión de crear dúas mesas de traballo, unha conformada por responsables políticos dos concellos involucrados – Carballo, Val do Dubra, Ames, e Padrón– e outra de perfil técnico. Ademais tamén se apuntou a posibilidade de acadar a colaboración da Xunta e da Deputación de Pontevedra e converter o proxecto nunha iniciativa de carácter galego, posto que tamén afecta aos concellos de Pontecesures, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela, Porriño e Tui.
Nova área de autocaravanas en Bertamiráns
Outro punto de interese na xuntanza foi a nova área de autocaravanas que se habilitará en Bertamiráns, no lugar de As Pateiras, e que será financiada polo departamento provincial de Turismo. Trátase dunha nova área que dará servizo a unha vintena de autocaravanas e que se espera que estea operativa este verán.
“A creación da nova zona de autocaravanas”, explicou García, “permitiranos trasladar a que hai agora en Bertamiráns, e que ten dificultades de acceso”. “Grazas á axuda da Deputación”, engadiu, “haberá dúas áreas, xunto coa do Milladoiro, e poderemos dar servizo aos Camiños que pasan polo noso Concello, nunha aposta clara pola promoción do turismo, e sobre todo do turismo de interior e ecolóxico.”
Xosé Regueira tamén salientou a importancia do Concello de Ames “como un dos epicentros” do Camiño de Santiago e que “como tal tamén soporta situacións a nivel turístico que precisan ser atendidas”. “A área de autocaravanas de Bertamiráns vaille servir á Deputación para avanzar nun problema que é froito da pandemia, que é a expansión do turismo de autocaravanas”, asegurou. “Esta será a primeira que financiamos desde Turismo da Deputación e tamén nos vai servir como proxecto piloto para crear unha rede provincial de áreas de autocaravanas”.