Xosé Lois Penas: "Coa museización que poñemos en marcha, o Forno do Forte actualízase a unha realidade social da olaría que non estaba reflectida na instalación actual"
O deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, visitou o Forno do Forte de Buño, no inicio das obras de remusealización no recinto, co obxecto de poñer en común os aspectos técnicos e patrimoniais da intervención. Na xuntanza tamén participaron a concelleira de Olaría de Malpica, Marisol Blanco; o xefe do Servizo de Arquitectura da Deputación da Coruña, e persoal da empresa adxudicataria, UTE Sellier y Bialbero.
“Con esta intervención”, sinalou Penas, “damos un paso máis no compromiso adquirido polo BNG ao inicio do mandato para acadar a modernización do Forno do Forte, actualizándoo en base a unha realidade social actual da olaría que na nosa opinión non estaba reflectida ata o de agora no museo”. A remusealización suporá a adaptación das tres salas dedicadas a material etnográfico, que pasarán acoller exposicións temporais, da olaría de Buño e outras de difusión do traballo dos oleiros e das oleiras desa parroquia malpicá. Ademais, dotarase a antiga ‘taberna’ dos medios técnicos e materiais necesarios para que funcione como salón de actos e outras actividades. As melloras inclúen a renovación do mobiliario e outros elementos, a instalación de nova información patrimonial e cambios na iluminación.
“Sobre todo, o que pretendemos é que o Forno do Forte e a tradición oleira de Buño traballen conxuntamente para buscar un ben único, que é a promoción dunha actividade que forma parte do noso patrimonio inmaterial e que como tal debe ser protexida e promovida por todas as administracións”, lembrou Penas. “Así conseguiremos que o Forno do Forte sexa, por fin, o gran museo dos oleiros e das oleiras que todos desexamos”.