Xosé Lois Penas reúnese cos concellos participantes en Compostela Rupestre para por en marcha as primeiras accións do Plan Director do parque arqueolóxico

Penas, cos representantes dos cinco concellos que integran o Parque Compostela Rupestre
Penas, cos representantes dos cinco concellos que integran o Parque Compostela Rupestre
“Este é o inicio real da fase executiva do proxecto, na que lle imos dar prioridade á limpeza e mantemento dos petróglifos, a compra de parcelas nas que se sitúan os xacementos en Monte Piquiño e a creación do Centro de Interpretación Rupestre de Villestro, coa vista posta no obxectivo fundamental da preservación, protección e promoción dos gravados para que sexan visitables e accesibles a toda a cidadanía”, salientou o responsable provincial de Patrimonio.
Xosé Lois Penas reúnese cos concellos participantes en Compostela Rupestre para por en marcha as primeiras accións do Plan Director do parque arqueolóxico

A limpeza e mantemento dos petróglifos, a compra de parcelas nas que se sitúan os xacementos en Monte Piquiño e a creación do CIRVI (Centro de Interpretación Rupestre de Villestro) foran as tres primeiras iniciativas que a finais do pasado ano se decidiron aplicar no proxecto do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre. No día de onte, na primeira xuntanza de traballo deste exercicio, a Deputación da Coruña e os cinco concellos con terreos integrados no parque -—Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra— avanzaron nesta folla de ruta co obxecto de que estas tres accións vexan a luz nos vindeiros meses.

"Este é o inicio real da fase executiva deste proxecto, na que lle imos dar prioridade ás tres medidas xa decididas na anterior xuntanza, e coa vista posta no obxectivo fundamental da preservación, protección e promoción dos petróglifos para que sexan visitables e accesibles a toda a cidadanía”, indicou, tras a xuntanza, o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas.

Penas lembrou que na anteiror reunión, que ao igual que a de onte tivo lugar na Casa Consistorial de Teo, se decidiran destinar 125.000 euros para a limpeza e desbroce inicial de todas as entidades patrimoniais —tres rutas que pasan por todos os concellos e a contorna dos petróglifos—, poñendo en marcha un sistema de xeolocalización e fichas de catalogación na web do proxecto. En relación a este punto, tomouse a decisión de optar por unha licitación conxunta para limpeza e mantemento que permita a calendarización dos traballos segundo as necesidades de cada entidade patrimonial, o número de elementos situados en cada concello e que, ao mesmo tempo, permita a optimización de recursos.

Sobre a compra das parcelas nas que se sitúan os petróglifos en Monte Piquiño, no Concello de Teo, propúxose que a xestión para a adquisición de terreos se realice baixo a fórmula da expropiación. Concretamente, para a compra das parcelas en Monte Piquiño o orzamento destinado ascende a 50.000 euros.

Por último, tamén estaba acordado destinar 150.000 euros á creación do CIRVI (Centro de Interpretación Rupestre de Villestro), que se ubicará na antiga escola unitaria do lugar de Villestro, en Santiago de Compostela, escollido pola súa situación central e ben comunicada entre os cinco concellos que compoñen o parque. Esta era unha das propostas recollidas no Plan Director, que tamén indica que este edificio se sitúa na contorna inmediata dun petróglifo accesible para as visitas, e propón ademais a musealización e recreación dun poboado da Idade do Bronce.

O Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, redactado pola empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L. presentouse no último trimestre de 2021. Reúne un catálogo de 144 entidades patrimoniais, define 67 contornas de protección e describe de modo exhaustivo o total de petróglifos do Parque de Compostela Rupestre, combinando o traballo de documentación e investigación, co emprego da tecnoloxía SIX (Sistema de Información Xeográfica).

Na vindeira xuntanza de Compostela Rupestre está previsto que se materialice o cambio de presidencia do Consello Director que pasa a ser asumida polo Concello de Brión.

Xosé Lois Penas reúnese cos concellos participantes en Compostela Rupestre para por en marcha as primeiras accións do Plan Director do parque arqueolóxico