Xosé Lois Penas reivindica "a necesidade de sermos contundentes contra os delitos de odio" no Día da Diversidade

Xosé Lois Penas, durante a súa intervención no acto oficial
Xosé Lois Penas, durante a súa intervención no acto oficial

O deputado de Patrimonio apoiou "o recoñecemento aos colectivos que traballan a prol da igualdade, conformados por persoas con nomes e apelidos, con historias persoais moi duras na maioría das ocasións, mais persoas que abriron moitas portas". Penas desculpou a ausencia no acto institucional, celebrado na sede da Deputación, da responsable provincial de Igualdade, María Muíño, que non puido participar por motivos personais.

Xosé Lois Penas reivindica "a necesidade de sermos contundentes contra os delitos de odio" no Día da Diversidade

Xosé Lois Penas encabezou o acto institucional que a área de Igualdade da Deputación organizou esta mañá con motivo do Día da Diversidade. O responsable provincial de Patrimonio defendeu "a necesidade de sermos contundentes contra os delitos de odio e non só traballando na actualización da lexislación, senón tamén actuando desde o ámbito educativo". Penas desculpou a ausencia da deputada de Igualdade, María Muíño, que non puido participar por motivos personais.

Penas lembrou que un de cada tres delitos de odio en Galiza teñen que ver coa LGTBIfobia e que, segundo diversos colectivos, só un de cada dez se denuncia. Tamén fixo referencia "ás persoas que levan décadas de traballo a prol da igualdade, sexa cal sexa a súa identidade de xénero ou orientación sexual", e ao Congreso Memoria Diversa, do que se celebrou a segunda edición a comezos do mes de xuño.

"Non podemos esquecer", dixo, "que hai quen leva máis de 50 anos traballando por construír un mundo onde todos nos sintamos iguais; persoas con nomes e apelidos, con historias persoais moi duras na maioría das ocasións, mais persoas que abriron moitas portas e por iso hai que escoitalas". "Tecer redes contra o esquecemento", afirmou, "é o que debe facer calquera sociedade democrática e é o que estamos facendo desde a Deputación da Coruña".

Tras a intervención do deputado, a asesora de Igualdade, Silvia Seixas, foi a encargada de poñerlle voz á declaración institucional aprobada en sesión plenaria a pasada semana e que recolle, entre outras cuestións, "a defensa nítida do dereito en plena igualdade, á dignidade, e ao libre desenvolvemento da identidade sexual e/ou de xénero". No texto, a Deputación mostra a súa solidariedade e apoio a todas as vítimas das agresións LGTBIfóbicas, e en especial lembra "o asasinato homófobo en grupo de Samuel Luiz, un acto brutal, inhumano e execrable que conmoveu á sociedade desta provincia e, de toda España, e do que se cumprirá nos próximos días un ano".

O vestíbulo da Deputación foi o escenario escollido polos músicos Davide Salvado e Cibrán Seixo para interpretar por vez primeira o 'Fado para Samuel', definido polo propio Davide Salvado como "unha resposta artística reivindicativa, porque eu mesmo podería ter sido Samuel desde os dez anos de idade".

O acto institucional celebrado esta mañá forma parte da V edición da campaña 'Liberdade de ser e sentir', que ten en marcha a área provincial de Igualdade en colaboración con concellos e entidades da provincia. A programación da campaña pode consultarse na web seresentir.gal

Xosé Lois Penas reivindica "a necesidade de sermos contundentes contra os delitos de odio" no Día da Diversidade