Xosé Lois Penas avoga por “un Dereito como ferramenta para os dereitos” na inauguración das Xornadas do Foro Iberoamericano de Dereito Administrativo
A Deputación da Coruña e a Universidade da Coruña promoven as XIV Xornadas do Foro Iberoamericano de Dereito Administrativo, que comezaron esta mañá no Pazo de Mariñán, onde continuarán ata o vindeiro venres, baixo o epígrafe “A boa Administración para a realización dos Dereitos sociais fundamentais”.
Inauguráronas o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Lois Penas; o reitor da Universidade, Julio Abalde, e o presidente do Foro Iberoamericano de Dereito Administrativo, Jaime Rodríguez-Arana. Penas aproveitou a súa intervención para avogar por “un Dereito como ferramenta para os dereitos”, no sentido de que “o Dereito debe ser difundido e explicado máis alá das academias e das institucións para que se comporte como un emisor de xustiza social en cuestións de tanta transcendencia para a vida diaria das persoas como a vivenda, o urbanismo, a saúde, a educación e o medio ambiente”.
O noso deputado fixo fincapé en que “todos os aspectos relacionados coas prácticas institucionais en calquera dos ámbitos de traballo técnico e mesmo político deber ir necesariamente acompañados do interese xeral, dunha boa administración, do dereito ás melloras, de xustiza e de dereitos fundamentais, que en definitiva conforman a Democracia con maiúsculas”.
Ao longo dos cinco días de xornadas, pasarán por Mariñán relatores das Universidades da Coruña, Barcelona, Tarragona, Girona, Madrid e Sevilla; así como de Universidades de países iberoamericanos como Arxentina, Uruguai, Paraguai, Perú, México, El Salvador e Colombia. Tamén están previstos relatorios de representantes da Administración autonómica galega e de persoal técnico da Deputación da Coruña.