Xosé Lois Penas: «Na área de Contratación apostamos por rebaixar as cargas administrativas e simplificar os criterios de adxudicación para incrementar a participación das pemes»
Durante o día de hoxe estase a celebrar no Teatro Colón da Coruña a xornada 'A importancia da contratación pública como motor da economía', organizada pola Deputación baixo a dirección do noso deputado. Na súa intervención está mañá, Penas insistiu «na necesidade de pensar na contratación pública de xeito estratéxico para que a economía circule, sen obviar criterios que demanda a cidadanía, como son os aspectos sociais, de igualdade e medioambientais, e prestando especial atención á creación de emprego de calidade».
O Teatro Colón da Coruña está a acoller hoxe a xornada 'A importancia da contratación pública como motor da economía', organizada pola Deputación baixo a dirección do noso deputado e responsable provincial de Contratación, Xosé Lois Penas. Participan preto de 250 persoas de disciplinas relacionadas coas administracións públicas e co ámbito empresarial.
Na súa intervención na presentación da xornada, Penas asegurou que un dos obxectivos do seu departamento é o de «rebaixar as cargas administrativas e simplificar os criterios de adxudicación para incrementar a participación das pequenas e medianas empresas, sempre no marco da concorrencia competitiva». «Para iso», engadiu, «hai que ter en conta que as pemes apenas levan o 35 por cento dos contratos públicos, pero supoñen preto do 70 por cento do emprego total e un 60 por cento do valor engadido bruto estatal».
Penas insistiu «na necesidade de pensar na contratación pública de xeito estratéxico para que a economía circule, sen obviar criterios que demanda a cidadanía, como son os aspectos sociais, de igualdade e medioambientais, e prestando especial atención á creación de emprego de calidade».
Expertos en contratación pública a nivel estatal e galego conforman o panel de relatores e relatoras que ao longo de toda a xornada participarán nas tres mesas redondas e cinco conferencias dun programa coordinado por Luis Jaime Rodríguez Fernández.