Xosé Regueira: «O noso obxectivo en citas como Expovacaciones é convencer os visitantes a través do sabor e identificar produto e restauración coa nosa provincia»
Rematou en Barakaldo Expovacaciones, outro dos foros turísticos e gastronómicos do Estado onde Xosé Regueira segue a promover 'A provincia que sabe', a campaña estrela esta temporada do departamento de Turismo da Deputación, do que o vicepresidente é titular.
«Coa participación en citas como Expovacaciones», sinalou Regueira á hora de facer balance, «queremos vender territorio, convencer aos visitantes a través do sabor e identificar produto e restauración coa nosa provincia". «Neste caso, engadiu, «optamos por unha programación moi variada, con produtos de moita calidade, coma o marisco de Barallobre, o pan de Carballo ou ous queixos mouro de Campo Capela e Galmesán [premio Super Ouro nos World Cheese Awards 2023], para convidar o público a que veña probalos á nosa terra».
Para o vicepresidente, «A Coruña é unha marca turística en si mesma e a gastronomía, unha excelente ferramenta para facer promoción do territorio». «O pan de Carballo, o queixo parmesano Galmesán que se fai en Arzúa ou café Aruba que demos a coñecer estes días son boa mostra da innovación do noso sector agroalimentario. Estar aquí é unha marabilla para os sentidos e podemos ver como a xente debece por coñecer os sabores da nosa provincia».