Xabier López gaña o Torrente Ballester en galego
O escritor presentou a novela 900. O premio está dotado con 25.000 euros e a publicación da obra.
Xabier López gañou a terceira edición na modalidade de galego do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. O xurado decidiu escoller como obra gañadora unha "gran novela río" que foi presentada co lema Casa Tomada e o título 900. Nas anteriores edicións Eli Ríos con Luns (Xerais) e Antonio Piñeiro con A través do fume (Galaxia) fixéronse co galardón.
A escritora Marica Campo, a investigadora e profesora da Universidade de Vigo, Ana Luna, e os escritores Carlos Negro, Suso de Toro e Antonio Piñeiro, gañador da anterior edición, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaban parte dun xurado que destacou a "alta calidade das obras finalistas do certame, con novelas moi audaces e arriscadas".
De 900, a obra gañadora, unha novela que supera as 500 páxinas, o xurado destaca que se trata dunha "novela río dunha saga familiar narrada con intelixencia, ironía e mesmo humor". Define tamén a través do fallo a obra presentada por Xabier López como unha "novela sagaz, cervantina que percorre a historia de Galiza e Europa desde o século XIX até mediados até a posguerra de mediados do pasado século". O escritor Xabier López naceu en Bergondo (1974) e reside no concello de Betanzos. Licenciado en Dereito, o autor conta cunha ampla e recoñecida traxectoria literaria centrada de maneira especial na novela aínda que tamén visitou o relato e o conto infantil.