Visita de europarlamentarios a Meirás con Ana Miranda e recepción na Deputación
A delegación defende que o Parlamento Europeo respalde o informe xurídico que avala a devolución do Pazo.
“Queremos facer noso este informe e trasladalo ao Parlamento Europeo, co obxecto de transversalizalo”, destacou Ana Miranda durante a súa intervención na recepción que tivo lugar na Deputación de A Coruña. Os integrantes do grupo de traballo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo -ademais de Miranda (BNG), están Miguel Urbán (Podemos), Izaskun Bilbao (PNV), Jordi Solé (Esquerra) e Jill Evans (Plaid Cymru, de Gales)- agradeceron o traballo desenvolvido pola Deputación de A Coruña e as asociacións pola Memoria Histórica para acadar a devolución do pazo de Meirás.
Jordi Solé indicou que “os países que traballan a memoria histórica nos valores da democracia son países que non teñen medo a afrontar o seu pasado aínda que sexa escuro, pero este non é o caso do Estado español, polo que seguiremos denunciando os casos de impunidade”.
Esta visita inclúese no conxunto de propostas que desenvolve o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo e mediante o cal presentaron diversas iniciativas e visitas relacionadas coa impunidade do franquismo. O seu obxectivo radica en dar a coñecer e denunciar internacionalmente a situación de impunidade da que goza o franquismo en España. Neste contexto produciuse a visita internacional que eurodiputados de diferentes grupos políticos realizaron ao val de Cuelgamuros e ao cemiterio de San Lorenzo de El Escorial o pasado mes de marzo.