Turismo da Deputación inviste este ano máis de 1,6 millóns de euros na mellora da calidade do sector
O departamento de Turismo da Deputación da Coruña vén de convocar o seu programa anual de axudas a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades do sector. A institución provincial destinará en 2022 unha partida de 1.610.000 euros, dos que os beneficiarios poderá recibir un importe máximo de 150.000 euros.
O obxecto da convocatoria é o fomento da creación de produtos turísticos, mellora da difusión e posicionamento turístico do territorio, fomento da formación no sector e avances na calidade do segmento de mercado, co financiamento de áreas como a formación, a implementación de plans, o desenvolvemento de actividades e a contratación de persoal especializado.
"Desde a área de Turismo da Deputación da Coruña traballamos man a man cos entes de xestión para a promoción dos distintos xeodestinos, con liñas de actuación conxuntas que aproveiten os recursos para a promoción dos distintos destinos da provincia", sinala o vicepresidente provincial e responsable de Turismo, Xosé Regueira.
En 2021, a área de Turismo da Deputación distribuíu 1.263.635 entre 16 entidades, desde asociacións de concellos como os do Camiño Inglés, Camiño da Ría de Muros-Noia ou Asociación de Desenvolvemento da Ría de Muros-Noia, mancomunidades como a de concellos de Ferrol, Ordes ou Ría de Arousa-Zona Norte; asociacións empresariais como a do Camiño de Santiago a Fisterra Muxía-Solpor, de Promoción Turística de Camariñas ou a de Desenvolvemento do Turismo de Calidade da Comarca de Ortegal ou outras entidades como Costa da Morte Asociación Turística C.M-.A.T, Asociación socio-cultural Auga e Sal; Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos ou Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla-Tambre-Mandeo ademais das que xestionan o turismo nas tres cidades da provincia, Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e Incolsa de Santiago, Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol.
As bases da convocatoria están publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 23 de febreiro de 2022, que tamén poden consultarse e descargarse no seguinte enderezo: https://bit.ly/3BGmHAQ. Nos próximos días o BOP dará o coñecer o prazo de presentación de solicitudes.