Trinta concellos recibirán 200 libros para distribuír entre a veciñanza

A Deputación distribúe 6.000 libros entre os seus concellos coa campaña Libros para sermos libres
Presentación este mércores da campaña "Libros para sermos libres".

“Libros para sermos libres” reparte 6.000 libros entre a poboación arredor do Día Internacional do Libro.

Trinta concellos recibirán 200 libros para distribuír entre a veciñanza

Nesta segunda edición do programa, serán os concellos de os concellos de A Capela, A Laracha, Abegondo, As Pontes, Boimorto, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Carnota, Cee, Cerdido, Irixoa, Lousame, Miño, Moeche, Muxía, Narón, Neda, Oleiros, Oroso, Ortigueira, Rianxo, Rois, Teo, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño e Zas, os que participen nunha iniciativa pola que cada un deles recibirá da Deputación da Coruña  200 exemplares para agasallar en actos de solta en espazos públicos.

 

Goretti Sanmartín na presentación da campaña Libros para sermos libresSobre a campaña Libros para sermos libres, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín,  sinalou que “é lóxico que os libros sexan para gozar a veciñanza e non para ficar amoreados nos almacéns”, algo, ao seu ver, “sen sentido se temos en conta a grande calidade que posúen estas obras”. Entre os libros cos que a Deputación  da Coruña agasallará á poboación dos seus municipios, atópanse exemplares de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura, banda deseñada ou literatura infantil. Así,  moitos deles resultaron premiados nos diferentes certames que organiza a Deputación da Coruña. No conxunto de volumes que se distribuirán nesta campaña tamén se atopan algunhas das últimas novidades editadas pola institución.

 

Na segunda das tres anualidades que integran o proxecto “Libros para sernos libre”, escolmáronse un compendio de obras “pensadas para chegar a todo tipo de públicos, alén das súas preferencias literarias ou da súa franxa de idade” pois, subliñou Goretti Sanmartín “a cultura é un dereito” en alusión ao lema que está a promover a área que dirixe.

 

A solta de libros simultánea realizarase nas xornadas próximas ao día 23 de abril, en que se celebra o Día Internacional do Libro, a través de diferentes actos que os concellos organizarán co obxecto de obsequiar ás persoas que participen na actividade achegándose aos distintos puntos de reparto.


 

Trinta concellos recibirán 200 libros para distribuír entre a veciñanza