A DEPUTADA DE IGUALDADE PRESENTOU A CAMPAÑA DA DEPUTACIÓN 'DE FRONTE' POLO 25N
Sol Agra advirte da necesidade de evitar que a rapazada se forme en educación sexual a través da pornografía e as redes sociais
Sol Agra presentou esta mañá na sede provincial a campaña institucional da Deputación polo 25N, á que están adheridos 91 concellos e 108 entidades sociais, educativas e empresariais. Este ano, 'De fronte' pon o foco na identificación das diferentes formas de violencia contra as mulleres e aposta pola concienciación entre a mocidade sobre as infeccións de transmisión sexual, para así previr as condutas machistas e neglixentes nas relacións sexuais.
«Como cada ano», explicou a titutar de Igualdade, «a campaña 'De fronte' céntrase nunha violencia específica; nesta edición quixemos poñer o foco na prevención das infeccións de transmisión sexual». «Pois consideramos», engadiu, «que o feito de que non haxa unha formación en educación sexual, e que cada vez máis a nosa rapazada se forme en educación sexual a través da pornografía e das redes sociais, o que fai é que haxa prácticas sexuais moi machistas, moi de abuso e de violencia contra a muller». Para Agra, esas son «prácticas de moito risco, porque a través da pornografía nunca se adquiren os coidados que hai que ter en conta para, por exemplo, non contaxiar unha infección de transmisión sexual».
Con todas as actividades e material didáctico que o departamento provincial de Igualdade pon a disposición dos concellos e entidades adheridas á campaña, «a idea da Deputación é devolverlles ás administracións locais, sobre todo aos municipios con menos poboación, e polo tanto menos recursos, as ferramentas para que teñan a posibilidade de acceder a este tipo de instrumentos e materiais que lles permitan desenvolver a súa propia campaña polo 25N», dixo Agra.
«Na área de Igualdade», rematou a deputada, «traballamos contra a violencia de xénero ao longo dos 365 días do ano, con diferentes campañas, pero está claro que con 'De fronte', e especialmente o 25 de novembro, ese labor ten máis visibilidade. Por iso, o luns que vén celebraremos un acto institucional, na sede provincial, no que se lerá un manifesto contra a violencia machista. Ese mesmo texto lerase, á mesma hora, en todos os edificios da Deputación, así que convidamos a todos os concellos e entidades colaboradoras que se sumen á lectura».