Sol Agra: «A igualdade como valor precisa que compartamos un proxecto común, construído coa axuda do persoal técnico e axentes dos servizos municipais»
Sol Agra valorou hoxe o investimento de 310 000 euros que fará este ano o seu departamento no FOAI/2024, o programa de subvencións a municipios de menos de 20 000 habitantes e outras entidades locais para o financiamento de persoal técnico e axentes de igualdade de xénero.
«Con esta liña de axudas», explica a deputada de Igualdade, «queremos seguir contribuíndo a que os concellos dinamicen e desenvolvan iniciativas que acurten a fenda de xénero». «E ese avance pola igualdade entre homes e mulleres no territorio provincial non sería posible sen persoal técnico especializado que facilite a colaboración entre as administracións locais e a Deputación, así coma a posta en marcha e mellor impacto e eficacia das accións necesarias».
«A igualdade como valor», engade, «precisa que compartamos un proxecto común, construído dende o territorio e con axentes do territorio; por iso debemos seguir investindo en programas coma este».
Como mostra dese compromiso pola igualdade, Agra referiuse ás políticas polas que aposta o seu departamento. «Ademais desta liña de axudas a concellos e outras a entidades sen fins de lucro, a Deputación leva posto en marcha diversos proxectos, entre os que destacan o Programa de Apoio á Rede de Acollemento para Mulleres en situación de violencia de xénero (PRAM); programas socioeducativos e culturais; concursos e campañas de prevención da violencia machista; bolsas de investigacións; cursos de formación en igualdade; ou os plans de emprego para favorecer unha maior participación da muller no mercado laboral».